A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres do SLG esixe políticas integrais para rematar coas violencias que sofren as labregas

A Secretaría das Mulleres do SLG esixe políticas integrais para rematar coas violencias que sofren as labregas

25 de Novembro do 2015

Contra a Violencia Machista

Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego queremos unirnos aos millóns de voces que en toda Galiza e en todo o mundo claman hoxe, 25 de novembro de 2015, contra o feminicidio, unha realidade atroz e universal que non entende de países, ámbitos ou clases sociais.

 Nestes últimos días asistimos a numerosas mostras de dor en relación coas vítimas dos atentados de París, mesmo a un importantísimo despregue de medios materiais e humanos, que contrasta coa normalidade e mesmo pasividade coa que se tratan os asasinatos diarios de mulleres. No Estado Español morreron case 700 mulleres asasinadas polos seus cónxuxes e parellas nos últimos dez anos, 70 no que vai de ano, sen que se activasen recursos, medidas ou partidas orzamentarias suficientes de cara a evitar, a toda costa, novas vítimas. Pola contra, a crise só fixo empeorar a situación, cebándose especialmente coas mulleres e destruíndo parte dos poucos recursos destinados a apoiar a loita contra a violencia machista.

Hándicaps que agravan a violencia nas mulleres do rural

Dende a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego, queremos denunciar o forte impacto na vida das mulleres dos recortes que afectan aos servizos públicos, en, dun xeito particular, aos recursos en materia de igualdade e na loita contra a violencia machista. Cómpren políticas integrais para acabar  con modelos machistas nas relacións afectivas, económicas, sociais...; que no medio rural deben ter en conta algúns factores e dificultades específicas:

  • A dispersión xeográfica, o despoboamento, envellecemento, a falta de infraestruturas, medios de transporte e servizos públicos, o que agrava a situación de vulnerabilidade das mulleres. Co pretexto da racionalización de recursos, estas áreas están a perder os escasos medios cos que contaban.
  • Escaseza de políticas de igualdade e recursos especializados para loitar contra a violencia machista, dende os ámbitos educativo, medios de comunicación, sanitario, concellos, forzas de seguridade, administración de xustiza, medios humanos e materiais suficientes para asegurar a saída real desa situación de violencia... Debe garantirse unha atención especializada axeitada a mulleres e a menores, para evitar fallos con terribles consecuencias, como os que levaron no último ano aos asasinatos de Isabel Fuertes en Ourense, un caso no que non se activou o protocolo de protección,  das nenas de Moraña... Hai que destacar a necesidade de que se garanta a seguridade tamén das nenas e dos nenos, para o que é fundamental persoal especializado, que evite a obrigatoriedade de moitos deles e das súas nais a asumir o inferno dunha convivencia forzada con agresores. 
  • Illamento: que é especialmente dramático naquelas mulleres que só se interrelacionan co seu propio agresor. Estamos a falar de pequenos núcleos de poboación onde todo o mundo se coñece e onde son os agresores os que participan da vida social e do espazo público, mentres que as vítimas fican moitas veces illadas no espazo privado. Isto dificulta enormemente as súas posibilidades de saír dunha situación de violencia, atrancos que se agravan no caso de  colectivos vulnerables: mulleres maiores, con algunha discapacidade, migrantes...

A violencia estrutural

Ademais destes atrancos que sofren as mulleres que viven no rural, teriamos que engadir as condicións discriminatorias nas que moitas mulleres labregas desenvolven a súa actividade. A feminización da pobreza é especialmente aguda no seu caso e, para a Secretaría das Mulleres do SLG, supón unha modalidade de violencia estrutural consentida pola sociedade e polo poder político, e contra a que non existe ningún tipo de medida paliativa nin apoio público. Ademais, o empobrecemento das mulleres labregas fainas dependentes economicamente dos seus cónxuxes e, en caso de violencia, dos seus agresores, motivo que fai máis difícil a denuncia. Así, as mulleres labregas deben enfrontarse:

  • Unha forte división sexual do traballo, na casa e na granxa: os homes en xeral encárganse de todo o relacionado cos espazos públicos -participación en cooperativas, trámites nas oficinas agrarias comarcais e concellos, relacións coas organizacións agrarias, etc.-; mentres que moitas mulleres se ven obrigadas a asumir soas o coidado da rapazada e das persoas maiores, e os labores domésticos, ficando recluídas no ámbito da casa. Estas tarefas “propias” das mulleres labregas son complementarias e fanse a maiores do traballo na propia granxa, o que supón para moitas unha vida de semi escravitude.
  • Precariedade económica e falta de dereitos laborais: moitas mulleres que traballan no eido agrario non son titulares da granxa na que desenvolven a súa profesión, a pesar de  Lei 35/2011 de Titularidade Compartida que o fai posible. A lei recoñece esta situación de desigualdade, que priva ás mulleres dos seus dereitos laborais e sobre a granxa, que fai que carezan de ingresos propios malia a traballar da mañá á noite os 365 días do ano na granxa familiar e, en moitos casos, nin sequera dispor de cotización á Seguridade Social. A pesar de que as estimacións apuntan a que hai unhas 300.000 mulleres nesta situación, dende a aprobación da lei só solicitaron a titularidade 136 labregas.
  • Sen seguridade social e coas pensións máis baixas do sistema: na década dos anos 90 moitas mulleres labregas, co apoio da Secretaría das Mulleres do SLG, tiveron que gañar nos xulgados o dereito a cotizar á seguridade social, pero aínda non é ata o 2000 cando muda a lei que lles impedía cotizar, cando o seu cónxuxe gañaba máis ou era titular dun negocio mercantil. Hoxe en día permanece unha tradición fortemente discriminatoria, na que a primeira cotización da que se prescinde cando hai dificultades económicas é a das mulleres. Moitas seguen sen cotizacións ou chegan á idade de xubilación con pouco máis de 15 anos cotizados, pasando boa parte da súa vida laboral sen dereitos nin prestacións. A consecuencia directa disto é que as pensións ás que teñen dereito as mulleres labregas son entre un 33 e un 35% inferiores ás dos homes.
  • Eliminación das granxas pequenas e medianas e dos mercados locais, e con elas dos ingresos de miles de mulleres. Unha importante fonte de ingresos das labregas provén da venda directa en mercados locais. O avance da globalización neoliberal e do dominio das grandes superficies sobre o sistema alimentario, supón a destrución de moitas granxas pequenas e medianas, así como a eliminación de numerosos mercados locais e feiras, nas que as mulleres adoitan vender excedentes e produtos elaborados, sen que as autoridades públicas fagan nada por evitalo.

27 de novembro: Xornada "Contra a violencia machista, as organizacións feministas toman a palabra"

Dende o Sindicato Labrego Galego estaremos en loita este 25 de novembro e os 364 días do ano, ata conseguirmos acabar coa violencia machista, co patriarcado, coas desigualdades e coas dicriminacións de todos os tipos e formas.

Neste 25 de novembro, apoiamos tamén as convocatorias da Marcha Mundial das Mulleres dentro da campaña “Paremos o feminicidio”, e animamos ás mulleres labregas e a toda a sociedade  a participar nas diferentes mobilizacións e actos de loita contra a violencia machista que se desenvolvan nas diferentes localidades.

O vindeiro 27 de novembro, convidamos a todas as persoas interesadas a participar na xornada que se desenvolverá no Local Nacional do Sindicato Labrego Galego en Santiago de Compostela, ás 16 horas, co lema: “Contra a violencia machista, as organizacións feministas toman a palabra”, e que contará con intervencións de representantes da Marcha Mundial das Mulleres, da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores e da Rede de Asociacións Veciñais de Mulleres contra os Malos tratos de Vigo.

Labregas contra a violencia machista