A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. A Secretaría das Mulleres organiza a "Xornada contra as violencias machistas" tras unha campaña formativa no rural

A Secretaría das Mulleres organiza a "Xornada contra as violencias machistas" tras unha campaña formativa no rural

22 de Novembro do 2016

stop violencia machista

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista, dende a Secretaria das Mulleres do Sindicato Labrego Galego levaremos a cabo varias iniciativas como a “Xornada contra as violencias machistas”, que se celebrará o 26 de novembro no Pazo de Mariñán (Bergondo) para afondar en problemáticas como os menores e a violencia de xénero ou a imaxe das mulleres nos medios de comunicación. Apoiado pola Deputación da Coruña, este evento vai dirixido especialmente a labregas e contará coa participación de activistas de recoñecido prestixio como Estrela Gómez, da Asociación Galega contra o Maltrato de Menores (AGAMME), Alicia Ares Vilar ou Iria Vázquez Silva (podedes descargar o programa premendo na icona que atoparedes no remate desta páxina).

Previamente á celebración do 25 de novembro, a Secretaría das Mulleres do SLG desenvolveu unha intensa campaña formativa dirixida a labregas e mulleres do rural con obradoiros como “Para que falar de sexo e de xénero”, “Somos máis que corpo-máquina” ou “Porque as mulleres se rebelan?” que chegaron até concellos e localidades de toda Galiza como Arzúa, Muxía, A Estrada, Friol, Póboa de San Xiao (Láncara), Teixeiro (Curtis), Lalín, Meira, Chantada ou Vilalba.

Ademais, a Secretaría das Mulleres volverá participar activamente na mobilización convocada o 25 de novembro pola Marcha Mundial das Mulleres e outras organizacións feministas na Galiza para denunciar a inacción dos poderes públicos diante desta lacra, e esixir cuestións para nós básicas como que a loita contra o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado, ou que a prevención sexa unha política prioritaria para a que non se escatimen medios e financiamento.

Neste marco de colaboración con outras organizacións e entidades, a Secretaría das Mulleres do SLG tamén apoia a iniciativa comezada o ano pasado polo Concello de Santiago baixo o slogan En negro contra a violencia, cuxo obxectivo é promover e evidenciar o forte rexeitamento social que suscita na cidadanía calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consiste en tinguir de negro os escaparates de 17 cidades e vilas (Santiago de Compostela, Ames, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ribadeo, Sarria, Vilaba, Zas, Cangas, Carballo, Poio, Sada, Teo, Tui e Pontevedra) vestindo de loito os manequíns e expoñendo roupa negra en sinal de loito por todas as mulleres que sofren violencia machista e como resposta á máis dura das súas consecuencias: a morte.

Tentamos con toda esta actividade, dende a Secretaría das Mulleres do SLG, contribuír á loita colectiva contra unha lacra que alimenta estatísticas como que o 13% das mulleres en España menores de 16 anos teñan sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da súa parella ou ex-parella, disparándose a porcentaxe ao 26% cando falamos de violencia psicolóxica de control e ao 20% se é violencia psicolóxica emocional. E o peor de todo é que só en 2016 xa foron asasinadas 46 mulleres en España das cales dúas eran galegas: Ana Gómez Nieto (12/02/16 en Becerreá) e Tatiana Vázquez Abuín (10/04/16 en Lugo). Por elas, por nós, dende a Secretaría das Mulleres do SLG seguiremos activamente en loita contra calquera forma de violencia que teña mulleres como vítimas non só o 25 de novembro, senón todos os días do ano como fixemos até agora a través do contacto permanente coas nosas afiliadas e coa nosa rede de oficinas Punto Delas, a través das cales asesoramos e prestamos apoio e axuda ás mulleres do rural que sofren violencia.

Xornada contra as violencias machistas SLG 

Ficheiro adxunto