A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. O XII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG abordará a violencia económica que padecen as traballadoras labregas

O XII Encontro da Secretaría das Mulleres do SLG abordará a violencia económica que padecen as traballadoras labregas

7 de Marzo do 2017

Rolda de prensa

O XII Encontro Anual da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego celebrarase esta fin de semana, o 11 e 12 de marzo, na vila lucense de Mondoñedo. Así o anunciaron a secretaria xeral da organización agraria, Isabel Vilalba Seivane, e a responsábel da Secretaría das Mulleres, María Ferreiro Santos, nunha rolda de prensa ofrecida hoxe en Lugo.

Baixo o título “Labregas por un trato digno da enfermidade e na vellez”, desta vez, o meirande dos actos formativos, charlas e debates “virarán ao redor da saúde das mulleres labregas, tanto ao longo da súa vida laboral, como en casos de incapacidade ou trala xubilación”, explicou Ferreiro. O motivo da escolla é que “este tipo de cuestións teñen sido recorrentes noutros encontros da Secretaría das Mulleres porque é moi habitual que haxa problemas á hora de que a unha labrega se lle recoñeza unha incapacidade laboral. E é que, ao contrario doutras profesións, en agricultura e gandería non están recoñecidas as enfermidades propias. Por iso, decotío, cando reclamamos algún tipo de incapacidade se nos di que podemos seguir desempeñando o noso traballo”. Respecto disto, Isabel Vilalba denunciou o “total desprezo pola actividade profesional das mulleres agricultoras, dende o ámbito sanitario ao xudicial. Semella que para exercer de labrega non precisas ter competencias nin gozar de boa saúde”.

A isto, habería que engadir o problema das pensións, que no caso das labregas son das máis baixas do sistema, ben porque comezan a cotizar moi tarde, ou ben porque, directamente, na granxa só cotiza o cónxuxe varón en detrimento da muller. Un dato a ter en conta é que, dende que se aprobou a Lei de Titularidade Compartida nas Explotacións, no ano 2009, na Galiza só se acolleron a ela 17 mulleres (datos actualizados en febreiro de 2017 polo Ministerio de Agricultura), cando poderían estar afectadas ao redor de 30.000 só na nosa terra.

Con estes antecedentes, máis de cen labregas vidas de comarcas de toda Galiza convivirán esta fin de semana en Mondoñedo, participando en obradoiros, charlas, diálogos e debates que, para a ocasión, contarán con relatoras de contrastada traxectoria e prestixio como Teresa Burgos, Beatriz Figueroa, Victoria Portas ou Lola Ferreiro.

Programa encontro mulleres 2017Isabel Vilalba non quixo rematar a comparecencia sen lamentarse por que, neste 2017, batemos “o triste récord de ter sido asasinadas 20 mulleres, que é a cifra máis alta dos últimos dez anos. Isto é unha auténtica barbaridade e demostra que hai que pasar a outro tipo de medidas e políticas que vaian máis alá de poñer fitas e facer silenzos de un minuto”. En relación con isto, a secretaria xeral do SLG explicou que, no encontro de Mondoñedo, “imos tratar a fondo un tipo de violencia contra as mulleres e contra as labregas, que é a violencia económica, a violencia de non ter ningún recurso cando non podes desempeñar o teu posto de traballo porque tes unha enfermidade ou es maior”.

Finalizou esta presentación coa nova de que o Sindicato Labrego Galego vai secundar o paro internacional de mulleres convocado para este 8 de marzo e cunha aperta fraternal para as mulleres da Asociación Vela Luz que están en folga de fame na madrileña praza do Sol contra a violencia machista.

Cartaz encontro mulleres 

Cartaz deseñado para o XII Encontro de Mulleres pola artista multidisciplinar Carmen PG Granxeiro