A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Secretaría da muller>
  4. Solidariedade do 8M en Vilalba cunha muller maltratada polas barreiras arquitectónicas do Concello de Abadín

Solidariedade do 8M en Vilalba cunha muller maltratada polas barreiras arquitectónicas do Concello de Abadín

8 de Marzo do 2019

8M Vilalba

A folga feminista en Vilalba comezou a primeira hora da mañá cun acto simbólico: vestir cun mandil o busto de Fraga Iribarne, na praza do Concello, onde se podía ler a súa frase de cando era ministro de Gobernación durante a Transición: “Que este exemplo sirva de lección a todo o país”, en alusión aos cinco traballadores asasinados polo fogo indiscriminado dos antidisturbios cando celebraban unha asemblea en Vitoria, o 3 de marzo de 1976.

8M Vilalba 1

Tal e como estaba programado, ás 12:30 partiu unha multitudinaria marcha formada por centos de mulleres dende a praza da Constitución que percorreu boa parte do rueiro da capital chairega. No caso vilalbés, o manifesto polo 8 de marzo, que se leu ao final desta primeira manifestación, tivo a particularidade de completarse cunha carta de Pilar Fernández López, a muller de Abeledo (Abadín) cuxos dereitos como persoa están a ser vulnerados polo concello. Este pequeno manifesto foi lido por Marisol Bravos López, que forma parte do colectivo Foro de Vida Independente, diante da ausencia de Pilar por motivos de saúde.

No escrito, explicouse que o goberno municipal de Abadín ordenou botar novas capas de asfalto na estrada que pasa xusto por diante da casa de Pilar, creando unha barreira arquitectónica que lle impide entrar e saír por si mesma do seu domicilio coa cadeira de rodas que precisa para moverse. Iso aconteceu antes de 2013, ano no que Pilar comezou a denunciar esta vulneración dos seus dereitos. Dende aquela, tras interpoñer todo tipo de recursos e queixas, mesmo diante da Valedora do Pobo, só obtivo o silencio administrativo e a indiferenza culpable do concello e, nomeadamente, do seu alcalde, José María López Rancaño. Neste manifesto, lonxe de renderse, Pilar reafirmouse en “seguir loitando contra todo tipo de violencia e inxustiza, veña de onde veña. Porque isto que me fan a min é un maltrato institucional contra o que seguirei loitando”. Ao remate, ademais de agradecer o apoio a todas as persoas que a están a axudar, quixo ter unhas palabras para “todas as mulleres con discapacidade ou sen ela: Loitaremos xuntas para que se acaben as desigualdades”.

8M Vilalba 3

Xantar de sororidade, proxeccións, teatro e máis mobilizacións

Tras un xantar de sororidade na propia praza da Constitución, os actos do 8M en Vilalba proseguiron durante toda a tarde coa proxección de curtametraxes a través das cales se abordaron cuestións como a discapacidade, os coidados, o racismo ou os mitos ao redor da menstruación; con títulos como “Dream gap”, “Carta a Disney”, “Como unha nena” ou “Papichulo”. Tamén houbo unha representación teatral a cargo da Escola Municipal de Teatro de Vilalba, que escenificou “Falsa imaxe”. Ás 20:30 horas estaba prevista unha nova manifestación e a relectura do manifesto.

8M Vilalba 4