Representantes da Fronte de organizacións Por un Monte Galego con Futuro anunciaron esta mañá en rolda de prensa a convocatoria dunha concentración para o vindeiro martes, día 23 de febreiro, contra a revisión do Plan Forestal. Un texto que se debaterá ese mesmo día no Parlamento de Galiza, e que previsiblemente será aprobado cos votos do Partido Popular, do que advertiron que terá graves consecuencias para o medio rural galego, desde a organización do territorio, até o modelo de xestión dos nosos montes, a nosa riqueza forestal ou no combate aos lumes forestais. En representación das máis de 50 organizacións “Por un Monte Galego con Futuro”, compareceron Benito Andrade, Diego Sánchez, Xosé Alfredo Pereira, Manuel da Cal e Paulo Carril.
Trala xuntanza mantida o pasado venres co grupo parlamentario do PP, representantes da fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais que se opoñen á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG) reuníronse hoxe, 9 de febreiro, co PSOE e o BNG no Parlamento de Galiza.
Unha fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais1, entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego, veñen de iniciar unha campaña de rexeitamento á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG), que se comezará a debater no Parlamento Galego o vindeiro 23 de febreiro.
O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un escrito dirixido á Consellaría de Economía, Empresa e Innovación para que non aplique o Plan Sectorial Eólico de Galicia por ser ilegal ao abeiro da lexislación ambiental actual. Isto é así porque o Plan Eólico vulnera a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de Avaliación Ambiental, que é de rango superior, ao non adaptar o seu articulado a ela.
O pasado 16 de decembro de 2020 saíu publicada no DOG a exposición pública do proxecto de explotación, estudo de impacto ambiental e proxecto de restauración referentes á solicitude de concesión de explotación mineira Marís 7134, situada no concello de Frades (A Coruña) e promovida pola sociedade Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A. (Erimsa).
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar dúas sentenzas contrarias aos proxectos de extracción de seixo na Terra Chá por parte de Explotaciones de Rocas Industriales y Minerales SA (Erimsa). Estas sentenzas foron ditadas en apelación polo TSXG despois de que, en xaneiro de 2020, o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo ditase sentenzas desestimatorias ás pretensións de Erimsa.
O Consello Científico do Programa Persoa e Biosfera (MaB) da Unesco evidenciou a falta de colaboración por parte da Xunta á hora de achegar documentación solicitada para coñecer a situación actual de diversos proxectos mineiros na área xeográfica da Reserva da Biosfera Terras do Miño (RBTM).
O Tribunal Supremo acaba de facer pública a sentenza pola que se anula definitivamente a licenza urbanística ilegal coa que o Concello de Triacastela tentou legalizar a explotación de caliza que Cementos Cosmos, filial da multinacional Votorantim, explota directamente encima da Cova Eirós, exemplo único e sen igual da pintura rupestre na Galiza.
O pasado 23 de novembro, o coordinador do Sector de Vacún de Carne no SLG, Brais Álvarez, mantivo un encontro de traballo coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, no que tamén estiveron presentes as outras dúas organizacións agrarias. No encontro, comunicóusenos a proposta do Ministerio de Medio Ambiente para incluír o lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección (LESPRE).
O Sindicato Labrego Galego, como membro de Contraminacción, que á súa vez forma parte da Rede de Plataformas “Non minas na Península Ibérica”, quere expresar o seu rexeitamento a un cuestionario realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) a diversos axentes sociais que semella máis orientado a convencernos das bondades do seu Plan sobre Xestión Sostible de Materias Primas Minerais que á tentativa de acoutar e poñer freo á destrución e contaminación sen paliativos que está a supor a actividade mineira tal e como se realiza na actualidade.
Uns 60 colectivos galegos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal, cultural -entre os que se atopa o Sindicato Labrego Galego-, xunto con plataformas de persoas e comunidades de montes afectadas por parques eólicos abusivos en Galiza lanzan o manifesto "Aldeas con Horizonte" polo que demandan a moratoria de novos parques eólicos, a revisión dos xa aprobados nos que haxa conflito social e/ou ambiental e a elaboración dun novo marco normativo en materia eólica que promova no país un modelo de implantacion desta enerxía máis ordenado, sostíble, social, participativo, xusto e racional. Os colectivos asinantes pretenden con este manifesto alertar sobre a ameaza que está a supoñer para o rural galego a actual implantación de parques eólicos e que segue un modelo depredador e abusivo coas comunidades locais, ademais de desatender a normativa actual en materia ambiental, patrimonial e paisaxística. O manifesto que hoxe sae á luz indica un mínimo de 15 principios básicos que deberan guiar a nova normativa de desenvolvemento eólico en Galiza.
O Sindicato Labrego Galego congratúlase pola denegación do permiso para explotar o proxecto mineiro Alberta I por parte da empresa Recursos Minerales de Galicia SA. Trátase dunha boa nova xa que, polo de agora, evitarase a destrución dunha grande área de territorio, principalmente nos municipios de Beariz, Avión e Forcarei, que abrangue 12 quilómetros de longo e unhas 1.680 hectáreas de superficie (60 cuadrículas mineiras).
A produción de castaña este ano en Galiza podería caer unha media ao redor dun 50% con respecto á do ano pasado segundo fontes do sector consultadas polo Sindicato Labrego Galego. Trátase dunha mingua en comparación cunha campaña, a de 2019, que xa foi mala de por si. Nada sorprendente vendo a pachorra coa que a Consellaría de Medio Rural segue a afrontar a maior crise que están a vivir os nosos soutos en décadas -a da avespa do castiñeiro-, a pesares de que levamos denunciando esta pasividade no SLG dende 2017, e mentres a produción de castaña segue a caer en picado ano tras ano.
A Asociación Intermunicipal Territorios Reserva Agroecolóxicos Rede Terrae organiza, entre o 9 e o 12 de novembro, o VI Encontro Estatal Intervegas, que será totalmente online como consecuencia da pandemia orixinada polo Covid 19 e no que se debaterá ao redor do lema “Auga e agroecoloxía fronte ao despoboamento”. O Sindicato Labrego Galego forma parte da Rede Intervegas, que leva anos traballando para que o Congreso aprobe unha Lei de Protección do Solo Agrario que se atopa na súa última fase de desenvolvemento.
En agosto, o Sindicato Labrego Galego presentaba alegacións contra a solicitude de pasar dun permiso de investigación a unha concesión mineira por parte da empresa Recursos Minerales de Galicia SA para o proxecto mineiro Alberta I, en Beariz e Avión (ver bit.ly/MinaBearizAvión). Agora, o SLG diríxese á Consellaría de Medio Rural para pedirlle que se tome en serio os graves impactos deste proxecto e doutros que se están a tramitar por toda Galiza polas consecuencias, decotío irreversibles, que poderían ter no medio rural e nas actividades agrogandeiras e forestais.
O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un documento con máis de corenta alegacións contra o borrador de real decreto para a nutrición sustentable dos solos agrarios (podes descargalo no remate desta páxina), unha normativa que, de non revisarse profundamente, será letal para as pequenas e medianas explotacións do norte peninsular e que afecta todos os sectores produtivos, dende os gandeiros como o vacún de leite e de carne, até o vitícola, o froiteiro, a horta ou o forestal.