A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Por que arde Galiza? Reseña da palestra do Madia Leva! de análise sobre as causas dos lumes forestais

Por que arde Galiza? Reseña da palestra do Madia Leva! de análise sobre as causas dos lumes forestais

10 de Novembro do 2016

Palestra Madia Leva

Este ano, os incendios volveron arrasar Galiza de extremo a extremo cunha virulencia que non viviamos dende a vaga de 2006. Sen que a Consellaría de Medio Rural publicase aínda datos definitivos sobre os lumes deste verán, temos cifras parciais que apuntan a que 2016 será unha das peores campañas en cuestión de incendios. 

Así, a comezos de setembro estimábase que arderan na Galiza unhas 16.000 hectáreas, cifra que supera a superficie total ardida en 2015 (11.802 ha) e multiplica por 8 a de 2014 (2.003 ha). Lumes como os de Oímbra e Entrimo (6.000 hectáreas), Arbo (1.583 ha.) ou Porto do Son (1.600 ha.), puxeron en xaque moitos núcleos habitados e uns servizos de extinción moi pobres en recursos, fragmentados, semi-privatizados e coordinados erraticamente dende a Consellaría de Medio Rural.

Coma tódolos anos, tamén houbo diversas manifestacións e protestas sinalando a inexistencia dunha política de prevención e o malgasto de recursos unicamente orientados só a apagar os lumes.

No Fouce 313, quixemos achegar a opinión de varios expertos e experiencias que apuntan as causas polas que Galiza arde un ano si e outro tamén. Para iso, botamos man dunha palestra ao redor desta cuestión celebrada no centro social Madia Leva! (Lugo), o pasado 16 de setembro; e da opinión do enxeñeiro forestal que coordina a Asociación Frouma, Diego Sánchez Agra, que publicaremos nunha seguinte entrega. De seguido, publicamos os textos íntegros que, por motivos de espazo, non puideron ir completos na edición impresa do Fouce.

“Hoxe en día temos na Galiza máis eucaliptos plantados que Australia” 

Xosé Manuel Rodríguez

Xosé Manuel Rodríguez, brigadista forestal de ampla experiencia que forma parte de Adega Adega, centrou a súa intervención en ofrecer datos sobre o ordenamento forestal da Galiza. Tirando do Inventario Forestal Nacional de 1997-2007 (IFN3), Xosé Manuel explicou que dos 3 millóns de hectáreas que suma o territorio galego, o 69% son forestais -48'2% de arborado, 20% de matogueira- e o resto agrícola e doutros usos.

Comparando o IFN3 co correspondente ao período anterior (1987-1997), descubriu un estancamento das frondosas autóctonas (400.000 hectáreas) e un aumento descontrolado dos eucaliptos que, nunha soa década chegaron a ocupar 725.000 hectáreas, invadindo 188.000 ha máis. En consecuencia, “hoxe en día temos na Galiza máis eucaliptos plantados que Australia: 80 millóns de unidades”.

Xosé Manuel Rodríguez defendeu a necesidade de rematar co negocio do lume, facendo que os servizos de prevención e extinción sexan públicos na súa totalidade; e recuperar os usos tradicionais do monte como o roza de matogueiras, a creación de pasteiros e o pastoreo.

“O primeiro para acabar cos lumes é non seguir a política forestal de Ence”

Borxa Rei

O relatorio de Borxa Rei, técnico da brigada aerotransportada, deixou claro que a causa dos lumes non se reduce unicamente a delitos perpetrados por incendiarios e pirómanos. Coa teima de cargar as culpas neles, a Administración pretende reducir o problema dos lumes a unha cuestión de orde pública, delincuencia e saúde mental”.

Máis alá da acción dos incendiarios, explicou Borxa Rei, “non podemos agachar que as causas do lume son moitas máis”. Entre elas, a cultura do lume que se impón diante do absentismo da Xunta: lume para destruír refugallos, limpar fincas ou crear pasteiros. E iso sen contar o fogo accidental provocado por maquinaria agrícola e forestal, neglixencias, liñas de alta tensión ou lóstregos.

Para Borxa Rei, “sempre vai a haber lumes, e moitos deles serán de grandes dimensións debido ao tamaño das plantacións forestais. Así, o problema principal non é como se producen os lumes e as súas causas; o problema real é que, hoxe en día, os lumes acadan dimensións catastróficas e son un problema medioambiental, social e económico de primeira orde".

O primeiro paso para acabar cos lumes” concluíu Borxa, “é non seguir a política forestal promovida por Ence”. En canto á extinción, hai demasiadas empresas e grupos de traballo diferentes, polo que cómpre unificar o servizo de extinción e ter contratado ao persoal todo o ano ou o meirande del.Se queremos un servizo profesional de prevención e extinción de lumes hai traballo abondo que facer todo o ano”. (rozas, queimas preventivas controladas, formación, traballo coa poboación local, etc.).

“A principal causa dos lumes en Manzaneda son os conflitos coa Administración”

Miguel Pardellas

Tamén houbo nas xornadas do Madia Leva unha representación de Batefogo, un proxeto de intervención social que busca “compaxinar eficazmente a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural”.

E para falarnos de Batefogo estivo, a través de videoconferencia, Miguel Pardellas, asesor e coordinador de varios proxectos en cuestións de educación ambiental e participación social.

Ademais de Pardellas, Batefogo está formado por tres cooperativas: Encomún Proxectos, Feitoría Verde e MaOs Innovación Social.

Partindo da base de que os incendios son un problema de índole social que non se pode solucionar con accións asociais, simplistas ou antisociais, “con con Batefogo pretendemos levar a cabo un proxecto de intervención social en toda regra e no que o principal eido de traballo son as propias persoas, é dicir, os veciños e veciñas que habitan un territorio e sofren os incendios e que, en moitas ocasións, son quen os provocan. Eles teñen a chave para atopar a solución”.

Esa intervención social da que fala Pardellas ten dous eixes: habilitar espazos de participación nos que a veciñanza poida decidir que facer fronte ao problema do lume; e desenvolver procesos educativos que axuden a comprender mellor a problemática dos lumes e a acharlles solucións.

Trátase dun labor enormemente complexo que se tenta realizar con recursos propios da comunidade “intervida” e no que, dende Batefogo, se lle dá ás mulleres un papel moi activo nas decisións sobre ordenación e xestión do territorio, xa quedetrás do lume, habitualmente hai unha man e, decotío, é a man dun home”.

Agora mesmo, o Proxecto Batefogo está en marcha no concello de Manzaneda (Ourense). “Alí fixemos un completo estudo sobre os incendios que se produciron na zona nos últimos 30 anos e contrastamos esta información cos veciños e veciñas para ver se estaban de acordo coas conclusións ás que chegamos sobre as causas dos lumes para, entre todos e todas, decidir que podiamos facer para reducir o seu número e impacto”.

A principal causa dos lumes identificada foron os conflitos coa Administración. Manzaneda é Rede Natura, o cal é identificado pola veciñanza como un problema que leva a moitos veciños e veciñas a prender lume, sexa como vinganza, sexa como medio rápido para evitar trámites burocráticos. “Este feito levounos a descubrir unha absoluta ausencia de diálogo entre a Administración e a veciñanza, do que se tira a importante necesidade de habilitar espazos de diálogo entre a xente que vive aquí e o persoal do distrito forestal ou das consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente. De feito, unha das primeiras propostas da xente foi é a de crear unha oficina de mediación entre a Administración e a veciñanza para reducir os incendios”.