A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG asina un manifesto opoñéndose ao uso da terra agraria como pozo de carbono contra o cambio climático

O SLG asina un manifesto opoñéndose ao uso da terra agraria como pozo de carbono contra o cambio climático

11 de Novembro do 2016

Via Campesina COP21

No contexto do #COP22 (Marrakech, 7-18 de novembro), O SLG, coma outras organizacións da Vía Campesina, vén de asinar un manifesto -As nosas terras valen máis có carbono- no que denuncia a utilización da terra como sumidoiro de carbono para enfrontar o #CambioClimático. Para nós, esta é unha falsa solución que só incrementará o perigo de acaparamento de terras e que non diminuirá a verdadeira causa do cambio climático: as emisións de dióxido de carbono.

As nosas terras valen máis có carbono

O acordo de París deu como consigna aos 196 estados membros da Convención do Cambio Climático das Nacións Unidas limitar o aumento das temperaturas por debaixo dos 2ºC ou mesmo 1,5ºC, con respecto aos niveis pre-industriais. Mentres que a COP 21 xerou unha grande mobilización vnculada coa adopción dun acordo internacional; a COP 22 non esperta o mesmo nivel de atención. Porén, os desafíos seguen a ser de suma importancia. Na COP 22, chamada “COP da acción”, ou “COP da agricultura”, o risco é que se propoñan precipitadamente unha serie de falsas solucións para a agricultura. En maio pasado, na sede da Convención Marco da ONU sobre Cambio Climático en Bonn, as discusións sobre este sector xeraron tensións entre os estados que evitaron escrupulosamente o tema clave da diferenciación de modelos agrícolas en función do seu impacto sobre os cambios climáticos e a súa capacidade para garantir a soberanía alimentaria dos pobos. Ao mesmo tempo, e fóra dos espazos oficiais de negociación, fóronse multiplicando as iniciativas voluntarias, especialmente no sector privado, co risco real de que se impoñan nas futuras políticas públicas dos estados.

Mentres que o 94% dos estados mencionan a agricultura na súa estratexia para afrontar e loitar contra os desaxustes climáticos, o Acordo de París non utiliza nin unha soa vez a palabra “agricultura”. Hai que ler entre liñas para entender os verdadeiros retos. A expresión “pozos de carbono” é a que esconde realmente a cuestión altamente política da agricultura. É certo que os solos xogan un papel importante no almacenamento do CO2 (dióxido de carbono) ao converterse en verdadeiros “pozos de carbono”, do mesmo xeito que os bosques. Porén, esa non é a única función dos solos, especialmente cando se trata de terras agrícolas que son esenciais para a soberanía alimentaria.. Lamentablemente, a súa utilización (tal e como se entenden na expresión “sector de terras”) na loita contra o cambio climático constitúe unha grande oportunidade para os promotores de falsas solucións e serve de escusa para a inacción pública. Ao prever un equilibrio entre as emisións e as absorcións a través dos pozos de carbono, o Acordo de París ratificou o principio de compensación para afrontar a crise climática. Esta noción non significa que as emisións deban baixar efectivamente, senón que as emisións e as absorcións deben compensarse entre si. Este enfoque púxose en práctica cos bosques a través do polémico mecanismo REDD+ e pretende estenderse ás terras agrícolas, o novo Eldorado do carbono. É importante lembrar que á inversa das emisión que se logra evitar, o almacenamento natural do carbono é reversible e ten unha duración limitada. En troques de tratar de reducir drasticamente as emisións de gases de efecto invernadoiro, a agricultura convértese nun elemento contable que permite manter ou mesmo seguir aumentado as emisións. Deste xeito, foron xurdindo ao redor dos debates sobre o clima diversas iniciativas moi cuestionadas pola sociedade civil e os movementos sociais por representar o que moitos consideran como falsas solucións. No caso da Agricultura Climaticamente Intelixente e a súa alianza global (GACSA) que, a falta de criterios claros, promove solucións contraditorias como a agroecoloxía e o uso de sementes transxénicas e os seus pesticidas. Por outra banda, o 60% dos representantes do sector privado na GACSA son empresas produtoras de pesticidas ou insumos químicos. Esta alianza e o seu concepto non son máis ca unha casca baleira que utilizan as multinacionais da agroindustria para seguir coa industrialización da agricultura, poñendo en perigo a labregos e labregas. Do mesmo xeito, a iniciativa 4 por 100 non logra tomar decisións claras que permitan a transición dos sistemas agrícolas. A súa visión fragmentada impídelle abranguer problemáticas máis amplas que vaian máis alá do almacenamento de carbono, como por exemplo o uso de herbicidas. Sen un cuestionamento real do modelo agroindustrial, altamente dependente de insumos químicos e orientado á exportación, este tipo de iniciativas non teñen cabida na lista de solucións.

Máis alá da cuestión do modelo agrícola, tamén se cuestiona o risco de presión sobre as terras e a financiarización dos recursos naturais. Polo tanto, transformar as terras agrícolas en ferramenta de loita contra o cambio climático a través da compensación, incrementa a presión exercida sobre ditas terras. Ao ser as primeiras vítimas dos impactos dos desaxustes climáticos, os labregos e labregas sofren unha dobre ameaza. Se queremos favorecer os investimentos, especialmente privados, na agricultura para almacenar máis carbono, serán necesarias extensións xigantescas de terras cun risco crecente de acaparamento. Un risco que sería moito maior se asociasen esta procura desenfreada de terras con mecanismos relacionados coas finanzas carbono. Moitos estudos sobre mecanismos semellantes desenvolvidos para os bosques (como REDD+) xa demostraron o perigo que representa este enfoque e a súa escasa consideración polos dereitos humanos. Esta forma de loita contra o cambio climático é a porta aberta a que se poñan aínda máis en perigo os dereitos dos labregos e das labregas e os seus coñecementos, a soberanía alimentaria e a integridade dos ecosistemas.

As nosas organizacións denuncian este enfoque fronte á crise climática que inicia unha carreira desenfreada para compensar as emisións de carbono. Só unha redución drástica e inmediata das emisións de gases de efecto invernadoiro permitirá reducir, ou polo menos impedir, un incremento dramático dos impactos desta crise. As terras agrícolas non poden transformarse en ferramentas contables para administrar a crise climática. Son fundamentais para uns mil millóns de persoas no mundo que traballan pola soberanía alimentaria, dereito inalienable dos pobos, que xa está sendo socavado. Defendemos a existencia dunha agricultura quen de responder aos desafíos agrícolas hoxe en día amplificados pola crise climática. Unha agricultura, baseada na agroecoloxía labrega que, máis alá dun corpus de prácticas, defende unha agricultura social e ecolóxica arraigada nos territorios e que rexeita a financiarización da nosa natureza.

Podes acceder ao comunicado da Vía Campesina respecto desta cuestión AQUÍ 

De seguido, as organizacións asinantes: 350.org, Action contre la faim, Alternatives-Canada, Attac-France, Biofuelwatch-UK/US, CCFD - Terre Solidair, COAG (Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras), Sindicato Labrego Galego, Confédération paysanne, Ecoloxistas en Accion, EcoNexus, Fairwatch-Italy, FERN, FOCSIV (Federazione Organismi Cristiani Servizio Internazionale Volontario), FNH, (Fondation Nicolas Hulot pour la Nature et l'Homme), Grassroots Global Justice, Leave it in the ground, Inititative (LINGO) - International, Oxfam-France, Solidaires, Ts'unel Bej - Sembrando Camino (Mexique)