A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG pide unha xuntanza en Minas para reclamar a caducidade das concesións a Erimsa na Terra Chá

O SLG pide unha xuntanza en Minas para reclamar a caducidade das concesións a Erimsa na Terra Chá

16 de Decembro do 2016

Margarida Prieto
A coordinadora do Sindicato Labrego Galego na Terra Chá, Margarida Prieto Ledo, vén de solicitar hoxe, 15 de decembro, unha xuntanza co persoal responsábel da Dirección Xeral de Enerxía e Minas para aclarar os motivos polos que a Consellaría de Economía, Emprego e Industria non declara as caducidades das concesións mineiras a Erimsa en concellos como A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Abadín, Riotorto e Vilalba.

Cómpre lembrar que, o pasado 5 de abril, presentouse diante desta Consellaría unha solicitude para que se iniciase o expediente para declarar as caducidades das concesións mineiras Pastoriza 5562, Alicia 5917 e Karles 5919. Porén, pasados seis meses, Industria segue sen contestar, polo que ignoramos se iniciou o procedemento para declarar estas caducidades ou non.

Dende o Sindicato Labrego Galego vivimos este silenzo administrativo con fonda preocupación, xa que está en xogo o futuro dunha extensa área de grande valor agropecuario da que depende a economía de centos de familias labregas. Unha boa proba disto é a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra Erimsa, que desestimou o recurso contencioso-administrativo que interpuxo mineira norueguesa contra a denegación, por parte da Consellaría de Medio Ambiente, da autorización para explotar Alicia, N.5917. Nesta sentenza, as probas periciais que se achegan sobre o impacto negativo en 3.399.997 m² falan dunha “relevante afectación á estrutura agrolóxica do terreo (…) que incorpora un solo de alta produtividade agrícola ou gandeira, característico do solo rústico de protección especial agropecuaria, e concorre no seu espazo a recente concentración de Goá (Cospeito), o que afecta 852 hectáreas, existindo ocasionalmente carballos e castiñeiros, afectando relevantemente a estrutura viaira, tres vías da rede primaria complementaria e dúas da rede provincial secundaria, así como canles hidrolóxicas e zonas inundables do Miño, Anllo, Guisande, Pequeno, Pequeno de Anllo, Rego de Ribela, Rego de Pumar, Rego de Albán e humidais de Arneiro e As Barcias, e un espazo natural do Río Anllo e enclaves arqueolóxicos de O Castro, túmulos de Rodís e Froilán”.

En virtude desta sentenza desestimatoria dunha das tres concesións, e do enorme impacto probado que tería a explotación mineira de cuarzo na Terra Chá pretendida con Erimsa, dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas debe declarar a caducidade das concesións mineiras a Erimsa na Terra Chá de maneira inmediata e non seguir adiando unha decisión da que depende o futuro social e económico dunha das comarcas agrogandeiras máis ricas e importantes de Galiza.