A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Sonia Couso (Amarelante): “O noso proxecto foi concibido para que o valor engadido da castaña quede en Manzaneda”

Sonia Couso (Amarelante): “O noso proxecto foi concibido para que o valor engadido da castaña quede en Manzaneda”

26 de Xaneiro do 2017

Sonia Couso

A Cooperativa Amarelante, dedicada á xestión integral de soutos en Manzaneda e Trives, foi unha das protagonistas do I Foro Labrego de Agroecoloxía. O seu exemplo, ao recuperar fincas de castiñeiros abandonadas para crear riqueza no rural é importante porque sería extensible a amplas zonas despoboadas das provincias de Lugo e Ourense onde o souto sempre foi unha parte importante da economía tradicional. Para afondar nesta experiencia, conversamos coa secretaria da cooperativa, Sonia Couso, cuxa formación en ciencias económicas e experiencia como xestora de fondos europeos é útil a un proxecto no que cadaquén achega o seu grao de area e no que seguen a ser indispensables os saberes labregos.

Como naceu Amarelante?

Amarelante naceu en marzo de 2013 a raíz dunha convocatoria da veciñanza por parte do Concello de Manzaneda para buscar xeitos de dinamizar a economía local. Unha das propostas que xurdiron foi a de aproveitar os soutos abandonados que había no municipio. Así, xuntámonos dez parellas, con idades entre os 30 e os 45, coas nosas familias, case todas de Manzaneda, para crear Amarelante.

Foron difíciles os comezos?

Até agora as cousas foron ben. Empezamos de cero e, en tres anos, xa nos fixemos coa maquinaria para procesar castaña -secadoiro, peladora e muíño- e cunha nave para traballar. E fixémolo cunha capacidade inversora limitada á achega económica que fixo cada socio e socia á constitución da cooperativa e unha subvención de desenvolvemento rural que conseguimos a través do GDR Sil-Bibei-Navea

Esas instalacións das que me falas, ¿están todas en Manzaneda?

Si. O noso proxecto foi concibido para que o valor engadido da castaña quedase en Manzaneda e non nun polígono industrial calquera, para que a industria que procesa a castaña estea no lugar onde están os soutos onde se apaña.

De feito, gústanos salientar a parte social da cooperativa, o feito de que tamén formamos parte da comunidade na que estamos. Por exemplo, todos os anos, polo Nadal, Amarelante leva o Pandigueiro a Manzaneda para deixarlle chocolate e castañas á rapazada. Tamén participamos activamente na festa do Entroido.

Tiñades experiencia ou formación previa na produción de castaña?

A xente de Manzaneda, si. Os demais, todos tivemos soutos na nosa familia. Quen, en Ourense, non ten algún castiñeiro, aínda que sexa da familia? O certo é que hai xente da cooperativa que ten moita máis experiencia agraria e que nos ensina moitísimo ao resto. Eu, pola miña formación, entendo de contabilidade, pero de pouco me poden servir os meus coñecementos se non me valen para xestionar os recursos dos que dispomos.

Cantas hectáreas de soutos xestionades?

Agora mesmo, unhas sete e media en varias fincas e parroquias de Manzaneda, e algo en Trives. En total, algo máis de 500 castiñeiros que nos dan uns 35.000 quilos de castaña cada ano, principalmente de variedade Amarelante, moi boa para o consumo en fresco. Hai outras variedades máis aptas para secar das que apañamos menos cantidade e temos que buscala fóra dos nosos soutos.

Son vosos os soutos?

Unhas fincas son propiedade de cooperativistas, outras arrendámolas. A realidade galega é a que é, e xuntar unha hectárea é complicado. Nós non plantamos, senón que recuperamos soutos, o que che obriga a negociar coa persoa ou persoas propietarias de cada un. Encantaríanos poder xestionar máis soutos, pero agora mesmo non temos máis capacidade física para facelo, especialmente na primeira fase, de recollida, limpeza e mantemento das fincas. Nesta fase, traballamos como se facía hai cincuenta ou sesenta anos e precisamos moita man de obra. Estamos a falar de soutos irregulares, ás veces con moita pendente, onde é moi difícil introducir maquinaria. E as máquinas aptas para este tipo de terreos necesitarían un grande investimento sen deixar de ter inconvenientes, como non facer a selección das castañas, proceso que habería que facer igual a man.

Só producides castaña?

De momento si, só castaña, tanto en fresco, como seca e fariña. De todos xeitos, Amarelante naceu para facer xestión integral de soutos, e así está contemplado nos seus estatutos. Iso inclúe, ademais de castañas, outros produtos como mel e cogomelos.

E que tal vos vai coa fase de comercialización nestes primeiros anos?

A castaña fresca, de variedade Amarelante, vendémola a maioristas e intermediarios, xa que agora mesmo non facemos a fase de esterilización, o que nos impide venderlle directamente a tendas. En canto á castaña seca e á fariña, sacámolas ao mercado a comezos de 2016, comezando cunha pequena produción que non chegaba aos 1.000 quilos, polo que non foi difícil atoparlle saída. Este ano xa producimos ao redor de 6.000 quilos. De momento, estamos comercializando sen problema, producindo sobre pedido e sen almacenar stocks nin tendo que recorrer a ningún tipo de promoción nin distribuidor.

Pensas que é posible e viable crear máis empresas como a vosa dedicadas a xestionar os soutos da Galiza?

Claro que si. Sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, onde hai moitos soutos abandonados. Calquera opción, sexa a nosa, sexa a recollida estacional da castaña, é interesante. Contra máis produtores haxa, o mercado tenderá a regularse mellor, a negociación cos compradores será máis doada e haberá menos problemas á hora de establecer prezos.

E máis alá da conveniencia económica, o monte necesítao, precisa máis mans para xestionalo, evitar o abandono e prever os lumes forestais.

Que botades de menos por parte da administración á hora de apoiar proxectos coma o voso?

A nivel xeral, hai unha carencia moi grande á hora de acompañar a constitución de proxectos cooperativos coma o noso. Hai unha morea de trámites, papelame, etcétera, polos que tes que pasar que, moitas veces, son innecesarios. A carencia dun rexistro electrónico de cooperativas obrígache a ter que facer trámites en persoa continuamente.

Cando nós empezamos, ademais, as condicións para acceder a axudas no sector da castaña estaban orientadas a favorecer grandes industrias. Pedíanche máis de unha hectárea de terra xunta, con límites na pendente dos terreos, que facían imposible que os soutos de Manzaneda se acollesen a estas subvencións. Está ben que a administración apoie o cultivo do castiñeiro, pero debe adaptarse á realidade.

A min sorpréndeme que se apoie a plantación de castiñeiros, que até Amancio Ortega se dedique a esta actividade e reciba axudas por iso, pero que ninguén fale de apoiar a xestión dos que xa están plantados. Non existe ningún tipo de axuda para xestionar os soutos: xa non digo económica, nin sequera técnica ou de investigación. Está ben apoiar as novas plantacións, pero ¿que se fai cos soutos que xa producen? Arrincamos os castiñeiros e substituímolos por outros novos que produzan máis? 

Amarelante

As imaxes que ilustran esta entrevista foron realizadas por Natalia Nogueira