A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG presenta o II Foro Labrego de Agroecoloxía para tentar mellorar a comercialización de alimentos ecolóxicos

O SLG presenta o II Foro Labrego de Agroecoloxía para tentar mellorar a comercialización de alimentos ecolóxicos

25 de Outubro do 2017

Cartaz Foro Agroecoloxía

O Sindicato Labrego Galego presentou hoxe, 25 de outubro, a que será a segunda edición do Foro Labrego de Agroecoloxía, que se celebrará na Illa de San Simón (Redondela) ao longo de toda esta fin de semana baixo o título “Camiñando xuntas pola soberanía alimentaria”. Desta maneira, o SLG dá continuidade a un evento que naceu o ano pasado en Betanzos coa intención de crear un espazo de encontro para todas as persoas, colectivos e organizacións que apostan por unha produción de alimentos que vaia máis alá dos métodos de cultivo ecolóxicos e sexa, entre moitas outras cousas, un factor activo de xeración de emprego, de sostibilidade ambiental, de saúde e de xustiza laboral.

Para falar desta segunda edición, ofreceron hoxe unha rolda de prensa, en Compostela, Quique Outes, vicerresponsábel do Sector de Horta do SLG, e Conchi Docampo, que forma parte da Dirección Nacional da organización agraria. Ambos, ademais, comparten profesión ao rexentar cadansúa explotación agroecolóxica -en Rois e Vedra, respectivamente- e comercializar de forma directa as súas producións

Quique Outes e Conchi Docampo aclararon que, se o foro do ano pasado se tentou centrar nas potencialidades da agroecoloxía e nos diálogos a través de múltiples experiencias de produción e consumo de alimentos; nesta segunda edición, o programa terá como denominador común o debate e a reflexión ao redor da comercialización dos produtos ecolóxicos.

Para iso, contarase coa presenza de especialistas como Mirene Beguiristain, doutora en Ciencias Económicas e Empresarais e profesora da Universidade do País Vasco e autora, entre outras obras, do libro “Viabilidade económica e Viabilidade Social. Unha proposta agroecolóxica para a comercializacóns da produción ecolóxica familiar”. Precisamente, Beguiristain falará o sábado sobre a viabilidade económica dos proxectos agroecolóxicos e dirixirá, ao día seguinte, o obradoiro “Indicadores na venda directa de produtos agroecolóxicos”.

Seguindo co denominador común do que falabamos, trala intervención de Mirene Beguiristain do sábado, seguirá unha palestra na que se expoñerán diversas experiencias de comercialización de alimentos agroecolóxicos, como o de Biocoop en Verín (Ourense), Nutrenbio en Salvaterra de Miño (Pontevedra), o Grupo de Consumo Bioalai de Vitoria (Álava) ou o Grupo Mimá de Allariz (Ourense).

Xa o domingo haberá unha mesa de diálogo entre organizacións de consumo e produtores e produtoras de cara a buscar novas ideas e fórmulas que melloren a súa relación. Neste conversatorio participarán a Rede de Consumo O Careón de Melide (A Coruña), a tenda Bico de Grao (Lugo), os Foros Ecolóxicos do Barbanza e o Mercado 4 Pónlas (Pontevedra).

E, para rematar, haberá un debate centrado na compra pública de alimentos por parte de institucións e organismos oficiais, que contará con voces e experiencias de ampla traxectoria, como a de Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, da Universidade de Vigo; Ester Comas, de Veterinarios sen Fronteiras; os comedores escolares de Ames ou a Escola Municipal A Caracola de A Coruña.

Programa Foro Agroecoloxía