A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O Foro do SLG remata co compromiso de tecer redes e traballar nas institucións para reforzar a agroecoloxía

O Foro do SLG remata co compromiso de tecer redes e traballar nas institucións para reforzar a agroecoloxía

30 de Outubro do 2017

Mirene Begiristain

A segunda xornada do Foro de Agroecoloxía que está a celebrar o Sindicato Labrego Galego na Illa de San Simón comezou, este domingo 29 de outubro, coa intención de desenvolver, dende un punto de vista práctico, moitas das ideas e cuestións xurdidas o día anterior con respecto á comercialización. Adiantamos agora unhas liñas xerais do que deu esta xornada que iremos desenvolvendo nos vindeiros días.

Así, a primeira actividade do día consistiu na realización dun obradoiro práctico de formación de prezos de produtos agrarios, coordinado pola doutora en Economía da Universidade do País Vasco, Mirene Begiristain. Neste obradoiro, xurdiron moitas vías posibles para a formación de prezos, xa que depende de factores como o propio produto, o público ao que queiras chegar ou os factores específicos que inflúen nos custes de produción e que son distintos en cada granxa. De maneira xeral, son tres os factores fundamentais para a formación do prezo: o que cobran os demais produtores da túa zona ao vender un determinado produto que ti tamén queres vender, canto están dispostas a pagar as persoas ás que lles vas vender, e os custes de produción. En definitiva, será a idiosincrasia de cada proxecto agroecolóxico a que defina o prezo.

A seguinte actividade foi unha conversa entre produción e consumo que se iniciou cunhas intervencións iniciais de representantes dos Foros Ecolóxicos do Barbanza, do mercado 4 Ponlas (Pontevedra), da tenda lucense Bico de Grao e da Rede de Consumo O Careón, de Melide (A Coruña). Esa conversa inicial propiciou un rico debate entre os asistentes que, paseniño, foi definindo diversos retos e problemáticas relacionadas coa comercialización. Coincidiuse na necesidade de crear redes máis globais na Galiza que reforzasen á parte produtora naqueles eidos do seu traballo onde, habitualmente, hai máis debilidades, como a distribución e a venda.

Tamén se cuestionaron algunhas limitacións do Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), con requisitos e custes moitas veces inasumibles que obrigan a moitas fincas e granxas agroecolóxicas a ter que vender a súa produción ecolóxica sen certificación. Neste senso, está a ser moi positiva a creación de sistemas participativos de garantía como o do Mercado da Terra (Lugo) ou A Gavela (Pontevedra), que supoñen alternativas sólidas de cara a garantir o carácter agroecolóxico de moitas producións. Precisamente, aumentar o ámbito destas experiencias para que se poidan beneficiar delas granxas e fincas de toda Galiza foi unha demanda expresada no Foro que cada vez máis ampla no sector. Os atrancos existentes en moitos concellos á hora de crear mercados de produtos agroecolóxicos ou de acceder aos que xa existen tamén foron obxecto de crítica. Neste senso, considerouse indispensable realizar un traballo a nivel institucional para eliminar estas trabas. De cuestións como as devanditas, xorde a necesidade de realizar un traballo institucional para que as diversas administracións sexan unha axuda e non un atranco para as producións agroecolóxicas.

Xa pola tarde, levouse a cabo un debate ao redor da compra pública de alimentos, que é un dos mellores xeitos, por parte das diversas administracións, de apoiar as producións ecolóxicas: mercándoas para fornecer hospitais, comedores escolares, restaurantes e cafetarías de institucións públicas, exército, centros penitenciarios, etc. E, para isto, contouse coa presenza de Damián Copena, do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, da Universidade de Vigo; Ester Comas, presidenta de Veterinarios sen Fronteiras; ou de experiencias como a dos comedores escolares de Ames ou a Escola Municipal A Caracola de A Coruña.

Nun contexto no que a compra pública de alimentos move ao redor de 2.000 millóns de euros cada ano no Estado Español, e no que só dúas empresas de cátering -Serunion e Eurestcompass- copan o 25% dos comedores escolares; non hai dúbida de que un reparto máis xusto destes cartos con criterios agroecolóxicos pode ser un forte revulsivo para o medio rural, a saúde, o coidado do medio ambiente ou a dignidade e sostibilidade da profesión labrega. Trátase de algo perfectamente factible, como demostran exemplos como o da Escola Infantil A Caracola, da Coruña, que optaron por fornecer o seu comedor con alimentos de cultivo ecolóxico, mercando tamén a granxas da bisbarra; ou do Grupo Lentura de labregos e labregas, nacido grazas á iniciativa do Concello de Ames, que traballan en ecolóxico e fornecen comedores escolares cun total de 1.200 alumnos e alumnas.

Foro Agroecoloxía