A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Medio Ambiente deixa sen efecto as axudas para prever ataques da fauna salvaxe ao impoñer prazos inasumibles

Medio Ambiente deixa sen efecto as axudas para prever ataques da fauna salvaxe ao impoñer prazos inasumibles

5 de Decembro do 2017

Mastín

O pasado xoves, 30 de novembro, comezáronse a recibir as primeiras resolucións de axuda para a implantación de medidas preventivas fronte aos ataques de lobo e xabaril. Esta semana, é previsible que moitas persoas beneficiarias destas subvencións sigan recibindo aínda resolucións.

O problema xorde co prazo para xustificar estas axudas, que remata o 11 de decembro. Iso quere dicir que, se tiveches a sorte de recibir a resolución o 30 de novembro, quedarache menos dunha semana para poder atopar, mercar, pagar, identificar e certificar o gasto subvencionado, xa que teremos polo medio dúas fins de semana e dous días festivos a maiores.

Quen solicitamos as axudas, sabemos que mercar un mastín, un pastor eléctrico ou peche perimetral non é tan doado: na primeira opción, o animal debe estar identificado e ter certificado veterinario; e, en todos os casos, tes que ter a sorte de que haxa existencias suficientes para poder cubrir a túa demanda no prazo esixido.

"Sospeitamos que se trata dunha práctica consciente para aforrar cartos por parte dunha Consellaría extremadamente avara"

Dado que o ano pasado, a Consellaría de Medio Ambiente enviou tamén as resolucións con moi escasa marxe para cumprir cos gastos subvencionados, atraso motivado en gran parte polas súas deficiencias no proceso de tramitación, dende o Sindicato Labrego Galego sospeitamos que se trata dunha práctica consciente para aforrar cartos por parte dunha Consellaría extremadamente avara á hora de investir en solucionar a gravísima problemática da convivencia entre as actividades agrogandeiras e a fauna salvaxe.

En efecto, aos atrancos para poder optar a estas subvencións, únense feitos como a tardanza en cobrar indemnizacións cando sofres ataques -ao redor de dous anos-; unha escasa contía de cartos que non cobren nin de lonxe os danos sufridos en ningún caso; ou un monte de burocracia e requisitos que te deixan, decotío, sen o dereito a percibir esa axuda económica e que fai que moitas granxas, diante de ataques, non pasen xa o traballo de solicitar indemnizacións.

"Por se non abondase, neste ano 2017, a Xunta non convocou as axudas para compensar os danos causados por xabarís nas explotacións agraria"

Por se non abondase, neste ano 2017, a Xunta non convocou as axudas para compensar os danos causados por xabarís nas explotacións agrarias polo que, a estas alturas, o más probable é que non o faga.

O resultado é que a problemática da convivencia entre a fauna salvaxe e as actividades agrogandeiras agrávase día a día, facendo inviable a profesión labrega en amplas zonas do noso territorio e constatando a carencia de políticas e o fracaso das consellarías de Medio Rural e Medio ambiente á hora de enfrontar este problema.

Por iso, dende o SLG volvemos pedir que, de maneira inmediata, a Consellaría de Medio Ambiente amplíe o prazo para poder xustificar estas axudas e que, a medio prazo, sente falar cos axentes do sector para acordar políticas serias e realistas de cara a xestionar un problema como o da fauna salvaxe que, xa hai tempo, se lle foi das mans.