A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG denuncia a Erimsa diante da Fiscalía por unha actividade mineira presuntamente ilegal en Frades

O SLG denuncia a Erimsa diante da Fiscalía por unha actividade mineira presuntamente ilegal en Frades

9 de Maio do 2018

Erimsa Frades

O Sindicato Labrego Galego vén de presentar diante da Fiscalía unha denuncia contra a empresa Erimsa por levar a cabo actividades mineiras no concello de Frades sen que consten as licenzas preceptivas para poder levalas a cabo. Os feitos denunciados remóntanse ao outono de 2017, cando Erimsa fixo traballos extractivos dende o 27 de outubro na parcela 502, polígono 572, na parroquia fradense de Abellá.

Con data 27 de novembro de 2017, o SLG puxo estes feitos en coñecemento do Concello de Frades, solicitando do goberno municipal que, unha vez comprobados os feitos, actuasen en consecuencia. Ese mesmo día, denunciouse todo isto diante da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). A día de hoxe, o Concello de Frades aínda non contestou, e a APLU manifestou, recentemente, que as actividades denunciadas non precisaban autorización autonómica previa á licenza municipal, desentendéndose da posible infracción.

Diante do silencio do Concello de Frades e do absentismo da APLU -pois é competencia súa intervir en supostos como o denunciado, con independencia do que faga ou deixe de facer o concello- dende o Sindicato Labrego Galego tomamos a decisión de poñer estes feitos en coñecemento da Fiscalía.

A empresa solicitou licenza tralas denuncias do SLG, meses despois de facer os traballos mineiros

Curiosamente, e dándonos a razón, tralas denuncias do SLG, segundo o BOP do 26 de xaneiro de 2018, Erimsa solicitaba de Augas de Galicia a autorización de obras nos lugares de Regueiro e Trigueira, parroquia de Galegos (San Martiño, Frades). A maiores, extraído do BOP citado, Erimsa “solicita autorización para realizar cribado de terreo nas parcelas 571 e 572 do poligono 502 do catastro de Frades, no lugar de Regueiro, dentro da zona de policía de Ieitos do río Samo. O cribado consta das fases de escavación de terra vexetal, acopio temporal da terra vexetal escavación e cribado de materiais, carga do material a extraer, recheo do oco da escavación, estendido de terra vexetal e, finalmente, revexetación das parcelas”. O problema é que ese cribado de terreo xa fóra realizado antes de solicitar as licenzas para facelo.

Diante disto, o Sindicato Labrego Galego pediulle á Fiscalía que se requira da APLU a documentación referente a este caso e explicacións sobre o seu absentismo nesta denuncia. Tamén pedimos que se requiran todos os documentos relacionados con este suceso ao Concello de Frades, á Policía Autonómica (que presenciou os feitos denunciados), A Dirección Xeral de Minas e á propia empresa Erimsa.

Erimsa Frades