A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. contraMINAcción leva a súa campaña contra a mina de Touro e O Pino a cidades como Vigo, Ourense e Bos Aires

contraMINAcción leva a súa campaña contra a mina de Touro e O Pino a cidades como Vigo, Ourense e Bos Aires

18 de Maio do 2018

contraminaccion touro

A plataforma contraMINAcción, Rede contra a Minaría Destrutiva de Galiza que agrupa 24 colectivos e plataformas, entre os que se inclúe o SLG, está a desenvolver un intenso traballo dende hai anos para informar á cidadanía do enorme impacto social e medioambiental que ten a minaría destrutiva en diversas localidades galegas. Nese traballo hai que enmarcar a actual campaña contra o proxecto San Rafael de extracción de cobre que pretende levar a cabo Atalaya Mining (Riotinto) nos municipios coruñeses de Touro e O Pino.

Neste senso, contraMINAcción está a organizar actos nos que se proxecta o documental producido por Nós TV e dirixido por Xosé Antón Bocixa “A ameaza do cobre”, e nos que persoas e colectivos afectados comparten a súa testemuña cos e coas asistentes. Desta maneira, contraMINAcción organizou proxeccións e palestras en Lugo e Muimenta (Lugo) e, para a semana que vén, o xoves 24 de maio, fará outro tanto en Ribeira, Vigo e Ourense, co apoio nesta última cidade de Cine Clube Padre Feijóo e Sustinea. A maiores, estanse a preparar proxeccións e palestras en Arzúa, Melide e mesmo en Bos Aires (Arxentina).

Con esta campaña, a rede contraMINAcción dá continuidade ao seu compromiso de informar á cidadanía e poñer todos os medios ao seu alcance para deter este proxecto mineiro que ameaza con arrasar unha rica e extensa zona gandeira. Así o fixo con varias charlas informativas, en setembro de 2017, para dar a coñecer á veciñanza as consecuencias do proxecto mineiro; ou elaborando as alegacións e poñéndoas a disposición dos veciños e veciñas para que puidesen presentalas contra o proxecto mineiro en outubro dese mesmo ano.

Contraminacción Touro