A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. A mina de Touro-O Pino-Compostela recibirá con explosivos e maquinaria pesada os 3 millóns de persoas que entran cada ano por Lavacolla e o Camiño Francés

A mina de Touro-O Pino-Compostela recibirá con explosivos e maquinaria pesada os 3 millóns de persoas que entran cada ano por Lavacolla e o Camiño Francés

8 de Xuño do 2018

Mina lavacolla

O Sindicato Labrego Galego fai un chamamento á sociedade galega para que se mobilice contra o proxecto mineiro de Atalaya Mining en Touro polas graves consecuencias que tería para unha bisbarra con grande riqueza agrogandeira, para os recursos marisqueiros e pesqueiros da Ría de Arousa, e para a capital de Galiza e un das súas principais fontes de riqueza cultural e económica: o turismo e o Camiño de Santiago.

O SLG xa abondou no impacto irreversible que tería a extracción de cobre nos municipios afectados, principalmente en O Pino e Touro. A extracción mineira, que se realizará durante 13 anos, vaise facer sobre a base territorial de 200 granxas que xeran centos de postos de traballo permanentes na zona; será a súa ruína e tamén a do principal motor económico do rural. (Ver bit.ly/MinaSanRafael / bit.ly/EduardoQuintás).

Ademais, a forte contaminación que sofren varios afluentes do río Ulla por acidificación e metais pesados dende hai décadas pola actividade mineira do pasado, verase incrementada exponencialmente coa actividade extractiva de Atalaya Mining e porá en perigo os bancos marisqueiros, as bateas, cetáreas e a pesca na Ría de Arousa.

Pero, a pouco que estudemos o proxecto, a ameaza esténdese sobre a propia capital de Galicia, Compostela, e un patrimonio cultural e económico de valor incalculable como é o Camiño de Santiago e a riqueza que xera. Cómpre saber que a mina de Touro xa forma parte da paisaxe que actualmente contemplan os peregrinos e peregrinas a partir de Salceda. De ir para adiante o proxecto de Atalaya Mining, a maiores, as case 200.000 persoas que percorren cada ano estas etapas finais do Camiño Francés, atoparíanse con:

  1. Circulación permanente de maquinaria pesada moi preto do Camiño, cos ruídos, contaminación e po en suspensión que isto xera.

  2. Voaduras constantes con explosivos de grande potencia como Anfo e Goma 2. O proxecto da empresa estima que se realizarán 2.074 voaduras nas que se utilizarán ao redor de 20.000 toneladas de explosivos que xerarán tremores, nubes de po e mesmo ameazará con guindar cascallos que poñerán en perigo a vida das persoas nas inmediacións.

  3. A concesión da mina limita directamente co Aeroporto de Lavacolla e as súas pistas. É que ninguén ve o perigo de realizar voaduras con explosivos a carón do principal aeroporto de Galicia? Lavacolla tivo 21.520 voos e 2.644.925 pasaxeiros e pasaxeiras en 2017. Este aeroporto, xunto co Camiño de Santiago, constitúe unha das principais portas de entrada do turismo na nosa terra. Permitir a mina de Touro equivale a agredir directamente un potente sector económico do que dependen miles de postos de traballo e tripar a principal tarxeta de presentación da Galiza no Estado e no estranxeiro.

Calquera gobernante cun mínimo sentido de país prohibiría fulminantemente unha explotación mineira destas proporcións e tan lesiva para o medio ambiente, a economía e a vida de miles de galegos e galegas. Por desgraza, o presidente Núñez Feijóo está máis preocupado agora mesmo polo seu futuro persoal en Madrid que polo futuro de Galicia e as ameazas que ten a carón da casa. Agardemos que o rexeitamento masivo que está a suscitar a mina de Touro-O Pino-Boqueixón-Compostela chegue aos seus ouvidos e prohiban a súa explotación, anulen a concesión e reparen o inmenso dano medioambiental causado nas últimas décadas. E senón chega, tentaremos facernos escoitar na manifestación deste domingo, 10 de xuño, en Compostela. #MinaTouroOPinoNON!

 Plano mina Touro