A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Unha plataforma de organizacións e colectivos pedimos a retirada da proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia

Unha plataforma de organizacións e colectivos pedimos a retirada da proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia

5 de Outubro do 2018

Monte ordenado

O pasado 3 de outubro, unha comitiva de representantes de varias organizacións e colectivos sociais, na que se atopaba Diego Sánchez Agra en representación do Sindicato Labrego Galego, rexistrou na Xunta un documento no que se solicitaba a anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia e a elaboración dun novo documento de consenso. O novo plan que se redacte debería partir dunha planificación e información actualizada do monte galego e tendo en conta “a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos que prestan os montes galegos e a sustentabilidade económica e social”.

ACHEGAS Á PRIMEIRA REVISIÓN DO PLAN FORESTAL DE GALICIA

1.- A revisión do Plan Forestal fai unha diagnose falsa da situación actual da superficie forestal galega

A información de referencia que manexa a Administración Galega sobre o estado actual, distribución e composición dos tipos de formacións arbóreas para elaborar a primeira revisión do Plan Forestal de Galicia e prever a evolución da superficie forestal arborada e desarborada só contempla datos actualizados ata o ano 2009, baseando a súa proposta de planificación forestal para as vindeiras décadas en datos do IV Inventario Forestal Nacional do Estado (IFN4). En consecuencia, a Xunta está a utilizar como punto de partida para a planificación forestal futura do país datos de hai máis de 9 anos, e por tanto, información desfasada e inexacta. De por si, este xa sería motivo suficiente para anular a presente proposta de revisión do Plan Forestal e a súa proposta de avaliación ambiental. A partir de información errónea, imprecisa e desfasada non se pode elaborar unha planificación acorde coa realidade, nin tampouco establecer obxectivos de futuro que resulten equilibrados e sostibles para o monte galego.

No caso particular das especies de Eucalyptus destinadas ao aproveitamento forestal, os datos que recolle o documento da Xunta sobre a superficie que estas ocupan actualmente  no territorio galego resultan completamente irreais. Na última década, a superficie ocupada por estas especies, especialmente o Eucalytpus nitens, aumentou de forma exponencial con respecto a datos de 2009. Á falta da actualización do IFN4, e extrapolando aos días de hoxe os datos sobre o incremento da superficie ocupada polas masas puras de Eucalyptus  (+65,30%) e de mixtas (+8,5%) en Galicia entre o IFN3 (ano 1999) e o IFN4 (ano 2009), ademais de ter en conta que neses inventarios aínda non se contemplaba a superficie ocupada por Eucalyptus nitens, podemos estimar  que hoxe en día as masas puras e mesturadas de Eucalyptus xa superan cando menos as 500.000 ha de superficie en todo o territorio galego.

A primeira revisión do Plan Forestal de 1992 tamén interpreta que a superficie de monte desarborada  das comunidades veciñais en man común (o 70% da súa superficie total, segundo datos da Fundación Barrié) está “claramente descapitalizada” (como sinónimo de "desarborada") e que é susceptible de ser forestada. Este argumento resulta perigoso, ao dar a entender que os terreos de monte sen forestar non teñen valor nin son rendibles. Isto é totalmente falso, xa que unha boa parte dese terreo corresponde a valiosas zonas agrícolas, de pasteiro, vexetación de ribeira, matogueira ou zonas con hábitats protexidos e/ou prioritarios para a conservación natural, patrimonial ou produtiva, que necesariamente han de ser preservadas e excluídas de calquera tipo de plantación forestal.

En todo caso, non se debe promover o aumento da superficie forestada en Galicia mentres non se dispoñan de datos actualizados sobre a situación da superficie forestal galega e do monte galego en xeral. Así mesmo, cómpre considerar a creación dun inventario galego da superficie forestal que sexa revisado con maior regularidade coa que o fai o inventario español.

2.- Falta de representatividade dos axentes sociais na elaboración da proposta de revisión

O documento adoece dunha  escasa participación dos axentes sociais que promoven a conservación e preservación do patrimonio ambiental e cultural e daqueles sectores que defenden intereses alleos ao aproveitamento forestal ou enerxético do monte. Por exemplo, é significativa a ausencia no Grupo de Traballo de representación dos sindicatos agrarios e de entidades ou colectivos de defensa patrimonial e cultural.

En contra do que se establece na lei forestal galega, non se propiciou a participación dos diversos axentes sociais na elaboración do plan. Porén, favoreceuse un especial protagonismo, durante todo proceso de elaboración da proposta, dos sectores económicos máis produtivistas, cunha clarísima maioría do sector forestalista. Por tanto, o texto en exposición pública carece dunha representación xusta, equilibrada e real de todos os sectores sociais interesados e afectados pola planificación do monte galego.

3.- Falta dun instrumento de control e seguimento do cumprimento do plan forestal

No propio texto da proposta recoñécese que o Plan Forestal de Galicia vixente, aprobado polo Parlamento galego en 1992, non se cumpriu ao longo das últimas décadas en case ningún dos seus ámbitos de aplicación (potenciar a diversidade de espazos forestais, limitar a superficie ocupada con especies de crecemento rápido e alóctonas, en materia de prevención de lumes, preservación dos ecosistemas, etc.). Como exemplo, o plan vixente prevía limitar a un máximo de 245.000 ha a superficie ocupada por eucaliptos ata o ano 2032. Segundo datos da propia Consellaría de Medio Rural, en 1998 o eucalipto xa se estendía por preto de 396.000 Ha, sen que en ningún momento se puxese couto a ese frenético avance.

Malia a aceptar a falta de cumprimento do Plan Forestal nas últimas décadas, tampouco nesta proposta de revisión da planificación forestal se contempla a creación dun instrumento de  control e seguimento aberto e participativo do planeamento forestal, destinado a garantir a consecución dos obxectivos marcados e a revisar regularmente a evolución do seu cumprimento. Ao tempo, debería contemplar os mecanismos oportunos para poder esixir responsabilidades no caso de que a administración execute políticas contrarias aos principios que desenvolven o plan forestal.

Tampouco se establecen os mecanismos necesarios para corrixir as consecuencias da falta de cumprimento dos obxectivos do primeiro plan forestal aínda vixente. Por exemplo, como se vai recuperar aquela superficie do territorio galego que foi ocupada polo eucalipto e que excede do límite máximo de superficie fixado para esta especie no Plan forestal de 1992.

4.- Falta de rigor no uso da linguaxe e confusión de termos que favorecen a manipulación dos datos

En todo o documento destaca a falta de precisión no uso da linguaxe e na utilización de termos ou conceptos relativos ao monte que non se corresponden coa súa correcta acepción ou significado. Isto xera especial confusión na interpretación de datos recollidos no documento que, consecuentemente, leva a conclusións erróneas sobre a situación actual do monte galego e da súa superficie forestal e sobre as oportunidade de desenvolvemento no futuro.

Na proposta da Xunta considéranse erroneamente como especies autóctonas ou propias do territorio galego o Pinus pinaster (piñeiro común) e o Pinus sylvestris (piñeiro rubio), que segundo o documento, representan o 67,8% das masas de coníferas do país. Se admitísemos como verosímil (que non o é) o carácter autóctono destas especies, estaríamos a sumar de forma inexacta a superficie que estas ocupan ao cómputo total de superficie forestal ocupada por especies forestais autóctonas e, por tanto, estaríase dando unha idea equivocada e manipulada da porcentaxe total de superficie que ocupan as masas arbóreas autóctonas en Galicia. Do mesmo xeito, se suma erroneamente a superficie ocupada por carballo americano ao cómputo total de superficie forestal ocupada con especies autóctonas.

En xeral, en todo o texto da proposta, abúsase do termo “forestal” que ademais se utiliza erroneamente como sinónimo de “monte”. De feito, sería máis exacto denominar este planeamento “Plan do monte galego” no canto de “Plano Forestal” por canto o propio documento motiva a revisión do plan forestal na necesidade de actualización do “modelo de monte” e de todos as súas funcións, valores e recursos, que van alén dos unicamente forestais.

Así mesmo, existe unha grande falta de rigor na utilización de termos como “bosque” ou “bosque autóctono” que se utilizan no texto, de forma indiscriminada, para referirse a plantacións de especies forestais, principalmente de Eucalyptus e Pinus, que ademais non son autóctonas nin responden ás características formais nin ecolóxicas propias dun ecosistema natural denominado “bosque”. Ademais, na diagnose que se fai do estado da superficie forestal no territorio galego inclúense os Eucalyptus como especies “frondosas” obviando o seu carácter foráneo e invasor, e asimilándoas en determinados cómputos a outras especies de frondosas que sen embargo son de orixe autóctona, de xeito que se produce unha manipulación da información sobre os tipos de formacións arbóreas que ocupan o noso territorio.

Por outra banda, séguese a promover a falsa idea de que os montes a “pasteiro” deben de ter necesariamente a consideración de “forestais”, descartando erroneamente este tipo de uso en terreos non forestais, o que leva a grandes contradicións e á falta de seguridade xurídica á hora de aplicar as vixentes normativas en ordenamento de montes, de solos agrícolas ou en prevención de lumes. Cando se fala de pasteiros debemos consideralos terreos de monte e non reducilos a espazos unicamente de carácter forestal.

Outra deficiencia a destacar neste apartado, é o incumprimento en todo o texto da proposta de revisión da normativa de igualdade de xénero e do principio de transversalidade que se esixe na elaboración, seguimento e execución das políticas públicas.

5.- Favorece exclusivamente a industria da madeira de baixo valor engadido, da biomasa forestal e dos cultivos enerxéticos

O plan elabórase unicamente  con fins produtivistas e forestalistas, relegando a posicións anecdóticas outros tipos de produción (gando, froitos, cogomelos,mel, etc.) e outros valores do monte, ademais da económico, que son esenciais para a poboación galega. En xeral, o documento analiza as oportunidades do monte galego desde un punto de vista exclusivamente forestalista e capitalista, como instrumento de aproveitamento para o beneficio da industria e, en concreto, para as industrias forestal e enerxética. Rebaixa a un interese secundario ou terciario outras funcionalidades produtivas e económicas dos montes e de servizos que deberan ser preservados, coidados e promovidos, como por exemplo, os servizos ecosistémicos, ecolóxicos, culturais, paisaxísticos ou sociais, todos eles esenciais para a vida e o desenvolvemento sustentable da sociedade galega. Non analiza as capacidades, funcións e valores do monte galego de forma integral, nin atende á súa complexidade como elemento de interacción entre realidades físicas, sociais e ambientais.

Ademais, o documento aposta pola industrialización (non sostible) do monte en detrimento da socialización do monte. Mesmo desde unha óptica meramente produtivista, o documento só concibe o destino do monte galego unicamente en mans de grandes axentes económicos con obxectivos mercantilistas, que non crean emprego nin beneficios para as poboacións locais e que contribúen a reforzar o éxodo rural. A falta de participación e implicación das poboacións locais e das persoas e entidades titulares do monte na xestión dos seus montes provoca a desafección das persoas polo territorio e favorece o abandono do rural e, por conseguinte, máis desorde do territorio e máis incendios forestais. O modelo a desenvolver debe implicar na xestión e tamén nos beneficios as poboacións locais e as persoas e entidades titulares dos montes.

Por outra banda, séguese a apostar por un modelo de industria forestal pouco ambicioso, moi afastado da idea de “bioeconomía”, cun balance enerxético negativo e nada estratéxico desde o punto de vista socioeconómico. Este modelo de industria forestal limítase a ocupar grandes extensións de terreo para cultivar especies foráneas (invasoras nalgúns casos) e producir madeira de baixa calidade para queimar, triturar ou exportar. Séguense a desaproveitar as favorables aptitudes do territorio galego para a produción de madeira de calidade e para dar o salto á industria da transformación e así completar a cadea de valor. Do mesmo xeito, se despreza calquera apoio á investigación destinado a avanzar cara a unha industria forestal integral e sustentable.

6.- Promove o aproveitamento da biomasa forestal con fins exclusivamente enerxéticos

A revisión do plan forestal promove o aproveitamento da biomasa forestal só con fins enerxéticos, obviando o seu papel fundamental na restitución de materia orgánica e nutrientes para o solo. O aproveitamento da biomasa forestal con fins enerxéticos está a ser cuestionado por grande parte comunidade científica europea, que a primeiros de ano advertía á Comisión Europea a través dun manifesto1 asinado por 800 científicos e científicas do risco de incrementar esta biomasa para a produción de enerxía, rexeitando a neutralidade das emisións de CO2 que, pola contra, aumentarían.

No obstante, a revisión do plan forestal introduce na lista dos aproveitamentos “sustentables” do monte os cultivos enerxéticos. Este tipo de cultivos son extremadamente agresivos co monte, supoñen a ocupación de extensas superficies de monte, compiten con outros aproveitamentos sostibles, non achegan servizos ecosistémicos e atentan contra o carácter social e ambiental do monte e contra a oportunidade de fixar poboación no rural e dotar de calidade de vida aos seus habitantes.

Cultivar especies de crecemento rápido e foráneas para talar e queimar en quendas de ciclos curtos só beneficia á grande industria pasteiro-enerxética á costa de sacrificar terras para o cultivo de alimentos, agravar os efectos do cambio climático, favorecer o despoboamento do rural, e elevar enormemente o risco de incendios forestais. Por tanto, non se deben relacionar os termos “enerxía renovable ou limpa”, “bioeconomía circular”, “economía verde”, ou “emprego verde” co aproveitamento enerxético da biomasa forestal ou aos cultivos enerxéticos. Este tipo de aproveitamentos non contribúen ao desenvolvemento sustentable do monte nin ao desenvolvemento socioeconómico do rural. Pola contra, si exercen importantes impactos negativos na ordenación do monte, sobre os ecosistemas naturais e sobre o patrimonio cultural do monte. Por tanto, os cultivos enerxéticos deben de ser eliminados da revisión do Plan Forestal e como alternativa de futuro para os montes galegos.

A pesar dos prexuízos que este tipo de cultivos exercerían no noso territorio, a revisión do plan forestal nin tan sequera establece ningún tipo de couto ou limitación ao crecemento deste tipo de industrias, pola contra prevé dotalas de incentivos fiscais.

7.- Segue a favorecer o monocultivo de eucalipto e a non establecer zonas de exclusión

A revisión do plan forestal tampouco pon couto á expansión do eucalipto nin establece medidas para reducir a súa presenza no monte galego. Na actual proposta da Xunta recoñécese que o plan forestal vixente non conseguiu frear a expansión desta especie, a cal excedeu amplamente o límite de ocupación fixado para 2020. Tamén recoñece que na actualidade as plantacións de eucaliptos son xa as masas forestais máis abundantes de Galicia e que, xunto coas plantacións de piñeiros, foron unha das principais causas, xa na primeira década do século XXI, da forte regresión das masas de especies autóctonas. Só o eucalipto xa ocupaba en 2009 o 20% do monte arborado galego, case o 15% da superficie forestal total e o 10% do territorio galego. Hoxe, como dicimos, eses datos xa están desactualizados, estimándose que actualmente o eucalipto xa ocupa cando menos o 17% do territorio galego. Hai que ter en conta que no mapa forestal de España de 2008, no que se fundamenta a presente revisión do plan forestal, non se rexistraba a presenza de Eucalyptus nitens, aínda así, e sen explicar como se fixo tal estimación, o documento de revisión sitúa a superficie ocupada por esta especie en 40.000 ha en Galicia (“20.000 ha sobre superficie asignada polo IFN a eucaliptais de Eucalyptus globulus e o resto sobre superficie forestal non arborada”). Malia a todo, o novo plan forestal prevé aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto, incluída a especie Eucalyptus nitens.

Máis grave é, se cabe, a total falta de referencia no documento da proposta ao carácter exótico e invasor destas especies de eucalipto, pese a que xa existen sentenzas4 da propia Audiencia Nacional nas que se recoñece, particularmente o Eucalyptus nitens, como especie “moi perigosa debido ao seu carácter invasor”, facéndose eco de informes elaborados polos técnicos medioambientais do Principado de Asturias e polo propio Comité Científico do Ministerio de Medio Ambiente5, no que se recomenda “non permitir” a plantación de eucalipto nitens en territorio español, así como controlar e erradicar “as naturalizacións observadas”.

Tampouco se avalían os  efectos negativos do monocultivo de eucalipto a curto, medio e longo prazo sobre a paisaxe e o medio natural galego (na auga, no solo na vexetación nativa, na fragmentación de hábitats, no desprazamento de flora e fauna asociada a hábitats preexistentes, na eliminación do sotobosque, na propagación dos lumes, os efectos aleopáticos, sobre a micro e mesofauna, etc.) constatados a través de multitude de investigacións científicas2 e relatorios3, moitos deles de recente publicación (ver referencias ao final do texto). Evítase calquera alusión á súa relación co aumento e intensificación dos incendios forestais e dos seus impactos sobre a biodiversidade, a auga, a erosión do solo, a superficie agraria, as pragas, paisaxe, etc. Tampouco se aborda a problemática da conflitividade social xerada pola proliferación do eucalipto no rural e a competencia directa que este exerce sobre outros usos da terra.

A revisión do Plan Forestal, inexplicablemente, tampouco prevé eliminar as plantacións forestais de eucalipto daquelas zonas de bosque autóctono e de vocación agraria que foron ocupadas por estas especies de xeito irregular. Como tampouco prevé reducir ou eliminar a presenza de especies alóctonas e invasoras nas marxes dos ríos e regatos ou en zonas do territorio galego de especial valor ecolóxico, patrimonial, natural ou paisaxístico.

8.- Despreza a conservación da diversidade ecolóxica e apoia “de fachada” a diversidade forestal

Aínda que no texto introdutorio do documento se establece como obxectivo destacado traballar por un monte galego multifuncional e sustentable, no que se fomente a diversidade biolóxica e se promovan as especies forestais autóctonas, en aras de seguir as directrices de acordos internacionais da diversidade como o Convenio global de Río de Xaneiro (1992), ou os convenios sobre Cambio Climático, Desertización e Diversidade Biolóxica da ONU, nada disto se ve reflectido no desenvolvemento posterior das accións do documento. Como tampouco se analiza o papel fundamental dos habitantes do rural e do desenvolvemento das actividades tradicionais no mantemento da paisaxe e da biodiversidade ecolóxica e forestal dos montes galegos.

Contempla un tímido aumento da presenza de formacións arbóreas autóctonas a través do impulso de novas plantacións que procuren de forma prioritaria e predominante a finalidade produtiva, en concreto de madeira, seguindo un modelo de intervención silvícola extractivista e intensivo, o mesmo que se lle aplica a plantacións de especies arbóreas foráneas. Non se atende á complexidade do bosque como ecosistema natural complexo, mantedor e fornecedor de biodiversidade e dunha manchea de servizos ecosistémicos de incalculable valor dos que como sociedade non podemos prescindir. Os bosques non deben destinarse só á produción de madeira, xa que ofrecen multitude de produtos que poden ser aproveitados de forma sostible, así como servizos de carácter colectivo que deben de ser potenciados. Débese apostar pola diversificación de produtos e servizos do bosque que tamén xeran riqueza e postos de traballo.

Limita a consideración de masas consolidadas de frondosas autóctonas a aquelas cunha superficie en couto redondo de polo menos 15 hectáreas de superficie e cunha idade media de polo menos vinte anos, excluíndo as plantacións. A día de hoxe son moi poucas as masas de especies autóctonas conservadas que cumpren tales requirimentos (especialmente en termos de superficie), incluso aquelas que se sitúan en espazos naturais protexidos, polo que semella aconsellable revisar tales criterios co obxecto de acadar un rexistro representativo deste tipo de formacións. Como é desexable que se dispoñan incentivos para a conservación e ampliación das masas consolidadas de frondosas autóctonas.

Especialmente preocupante resulta a expresión “xestión activa dos bosques de ribeira” enmarcada como un dos obxectivos do plan forestal. Cómpre que se explique o significado desta expresión e a súa finalidade, rexeitándoa en calquera caso se se refire á promoción dunha silvicultura intensiva ou á tala e repoboación de especies arbóreas nas ribeiras dos ríos con fins produtivistas, menosprezando o valor dos bosques de ribeira como protectores dos recursos hídricos e sistemas acuáticos, especialmente nun contexto de cambio climático.

Tampouco se aborda o valor da diversidade biolóxica das especies no monte como instrumento de prevención e control da propagación de pragas que xeran importantes perdas económicas, grandes desequilibrios ambientais e problemas tamén para a saúde pública. Malia que a aparición dalgunha destas pragas é achacada no propio plan á proliferación dos monocultivos de certas especies, séguese apostando polo cultivo de especies monoespecíficas, de eucaliptos e piñeiros, o cal é claramente contraditorio co obxectivo de frear as pragas forestais e amosa unha total falta de criterio á hora de redactar o documento por parte da Administración. A sanidade vexetal que se pretende só procura solucións “parche” que non  van ao fondo do problema, como a importación de insectos alóctonos para a loita biolóxica ou o uso de praguicidas e/ou insecticidas que prexudican a contorna e contribúen a alimentar o negocio tóxico das multinacionais. Neste campo é preciso apostar fortemente pola investigación e por deseñar mecanismos de control das importacións/exportacións que eviten, na medida do posible, os efectos negativos da globalización dos mercados internacionais.

Moito menos se avalía na primeira revisión do Plan Forestal a falta de material vexetal de reprodución de especies autóctonas nos viveiros forestais ou a cuestión da contaminación xenética das variedades locais. É preciso que o futuro Plan Forestal de Galicia avalíe como resolver este problema sen que a solución poña en risco a diversidade xenética das diferentes especies autóctonas segundo a súa procedencia. Sería necesario apostar pola a creación de bancos de xermoplasma ou de sementes das diferentes especies autóctonas, procurando no posible unha boa representatividade das especies e da súa variabilidade xenética en cada zona. Esta medida, non só contribuiría a salvagardar de forma máis fiel a variabilidade xenética das especies forestais autóctonas, senón que ademais nos dotaría dunha ferramenta poderosa contra a propagación de diferentes pragas, evitando ter que someter de forma experimental amplas superficies forestais a loitas biolóxicas con imprevisibles consecuencias para o medio natural.  

O Plan Forestal debe fomentar o estudo e seguimento da evolución da biodiversidade nos diferentes ecosistemas do monte galego.

9.- Non se avanza no control das especies exóticas invasoras

Ademais de non considerar como especies exóticas e invasoras as especies de eucalipto plantadas no territorio galego, tampouco establece mecanismos para frear o avance doutras especies foráneas e agresivas no noso territorio e que se están a expandir de forma acelerada e descontrolada. Estes mecanismos deberían establecerse en aplicación do Decreto estatal de Especies Exóticas Invasoras, e na ausencia dunha estratexia e dun catálogo propios en Galicia, aos que debería aspirar o goberno galego.

A problemática da expansión das diferentes especies de acacias, especialmente estendidas polo territorio galego, precisa de accións de control e eliminación urxentes e planificadas. Neste sentido, o planeamento forestal é pouco ambicioso, non establece a creación de instrumentos que permitan acometer con urxencia o problema, deixando que estas especies invasoras se sigan estendendo no futuro por amplas zonas de monte que serán dificilmente irrecuperables.

Precísase crear instrumentos de planificación nos que se propoñan prazos, métodos, axudas e plans programados de erradicación das masas de acacias, así como do conxunto de especies invasoras presentes no monte galego: robinias, ailantos, cortaderias, calas, ortensias, bambús, crocosmias, etc.

Sería desexable contar cun inventario das masas e focos de propagación máis importantes das acacias no territorio galego e a elaboración dunha guía metodolóxica de erradicación que analice as circunstancias dos diferentes casos e as medidas de aplicación menos agresivas co medio ambiente.

10.- Só prevé incentivos e medidas fiscais favorables para a industria da madeira e da enerxía

O plan forestal descarta incentivos para propietarios/as ou comunidades de propietarios/as e de titulares de montes que teñan como obxectivo a produción ecolóxica e o aproveitamento multifuncional dos montes, ou que inclúan no seu plan de xestión accións encamiñadas a fomentar e preservar o bosque, o patrimonio cultural ou a conservación da biodiversidade. Débense recuperar liñas de axuda que fomenten a "Valoración integral do monte e aposta pola súa multifuncionalidade" e apoiar a custodia do territorio como ferramenta de conservación, tal e como xa se cualifica no Anteproxecto da Lei do Patrimonio Natural.

Pola contra, a revisión do plan forestal si establece a necesidade de axudas e incentivos fiscais que favorezan o investimento de capital privado en proxectos intensivos de produción forestal ou de cultivos enerxéticos. Prevé por tanto, compensar as iniciativas privadas de produción forestal máis intensivas e agresivas co medio fronte aquelas outras que procuran un beneficio común e colectivo para toda a sociedade e que garanten a sustentabilidade do monte galego.

11.- Promove un modelo continuísta e fracasado para a prevención e defensa contra os lumes forestais que favorece á industria do lume

A revisión do Plan Forestal non avanza na procura de solucións fronte a problemática dos incendios forestais. Establece uns obxectivos pouco ambiciosos de prevención e loita contra os incendios forestais: reducir á metade o número de incendios en cinco anos e a menos da metade a superficie queimada.

Tampouco afonda no cerne do problema. Elude mencionar calquera vinculación dos lumes forestais en Galicia coa falta de ordenación forestal do territorio ou coa expansión descontrolada na nosa xeografía do monocultivo de especies pirófitas, como son os eucaliptos e os piñeiros. Restrinxe a causa dos lumes a unha intención criminal dunha minoría que nada ten a ver cos intereses espurios de certos sectores da sociedade que acaban sendo beneficiados polos incendios forestais.

Así mesmo, o documento segue avalando un modelo de extinción de lumes continuísta e fracasado que favorece a industria do lume: o modelo mixto público-privado do servizo de  extinción dos incendios forestais. Un sistema cuestionado e criticado polos propios traballadores e traballadoras do lume e extremadamente caro para as arcas públicas. A extinción dos incendios forestais debe realizarse por un único servizo público, profesional e adecuadamente formado.

Por outra banda, non se establece un obxectivo claro en canto á prevención dos incendios forestais en Galicia nin en que aspectos se debe incidir no futuro para que estes labores, que deberan ser permanentes ao longo de todo o ano, acaben resultando eficaces.

E segue sen abordarse a necesidade de establecer faixas de protección para preservar os elementos de carácter patrimonial, histórico e cultural que están no monte, e faixas verdes que eviten o avance do lume cara a zonas de elevado risco.

12.- Non contempla a creación dun selo de certificación forestal público e galego

En relación á promoción da certificación forestal galega, a revisión do plan forestal segue apostando polo selo PEFC para o futuro como certificado que acredita a xestión forestal sustentable, mais os estándares polos que se guía esta certificación forestal non ofrecen ningunha garantía de sustentabilidade. A outra opción que se propón para a certificación forestal é o selo FSC, que en Galicia está a experimentar unha preocupante deriva cara á certificación de amplas extensións de monocultivos de eucaliptos que carecen de calquera integración nos procesos ecolóxicos do monte que destrúen zonas de bosque de ribeira, patrimonio arqueolóxico, ou que son tratadas con glifosato. Por tanto, ningún destes estándares resulta adecuado na actualidade para certificación da xestión e do manexo sostible das superficies forestais, ou cando menos, atópanse fortemente cuestionados por diversos sectores sociais.

O novo plan forestal debería favorecer a creación dun sistema de certificación público e galego, que realmente represente as peculiaridades propias do noso monte, que favoreza a produción das especies autóctonas, a multifuncionalidade do monte, a participación na xestión das poboacións locais e dos titulares do monte, e que certifique boas prácticas forestais e respectuosas coa preservación do patrimonio cultural e ambiental.

13.- Favorece políticas agresivas cos montes veciñais en man común

O texto da primeira revisión do plano forestal de Galicia reafirma e, mesmo, afonda en todas as políticas agresivas que vén levando adiante o goberno da Xunta contra os montes veciñais en man común e as terras comunitarias; políticas que teñen como obxectivo fundamental roubar estas terras á veciñanza comuneira para entregarllas de balde ás empresas forestais e madeireiras. É dicir, propón a privatización dos montes veciñais.

Con respecto a outras cuestións que poderían estar ben consideradas e que formula o texto da primeira revisión do plano forestal, como é o caso dos beneficios fiscais, estes só terían aplicación sobre montes de particulares e  montes xestionados por empresas. Pola contra, e malia a recoñecer que os montes veciñais son os montes galegos con maior superficie ordenada, non se contemplan beneficios fiscais para as comunidades de montes, aos que ademais non se poderían acoller mentres a Xunta siga considerando estas comunidades como suxeitos pasivos no Imposto sobre Sociedades.

O plano forestal de Galicia, -máis exacto sería denominalo “Plano para o monte galego”-, debería reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal e promover o recoñecemento desta en pé de igualdade xurídica coas propiedades públicas e privadas e o deseño de políticas e dunha fiscalidade que teñan como base a figura e as funcións dos montes veciñais en man común (ver conclusións do Congreso Galego de Comunidades de Montes6)

14.- Exclúe a cultura comuneira da formación da sociedade na cultura forestal

A nova-vella formulación da Xunta para formar a sociedade galega na cultura do monte (así se debería denominar, no canto de “cultura forestal”) segue a someter ao ostracismo as comunidades veciñais de montes en man común, a toda a súa historia e o seu coñecemento sobre a xestión democrática dos recursos do monte, alternativa ao modelo de explotación capitalista. Incluso se exclúe esta figura cando se alude no texto aos diferentes modelos existentes de cultura forestal asociativa.

Continúase a desprezar o valor da transmisión oral de xeración en xeración dunha cultura milenaria que se mantén, a pesar de todo, en Galicia e que merece un destacado recoñecemento. Resulta pretensioso considerar como “cultura forestal” só a aquela que se promove desde a administración (e que hoxe non se pode considerar ningún referente) cando existen outras formas máis integrais de xestionar, de pensar e de entender o monte, as súas funcionalidades e recursos, e que ademais constitúen un sinal  de identidade. É preciso que se promova e se reforce a “cultura comuneira”,  e o carácter xermánico da titularidade veciñal, sobre todo, na ¼ parte da superficie territorial galega na que aínda persiste esta figura de xestión e de titularidade do monte, e onde se fai necesaria a continuidade dos coñecementos e o relevo interxeracional nas poboacións comuneiras. Que se promovan as medidas necesarias que favorezan e faciliten a transmisións destes coñecementos entre e intra as comunidades veciñais de montes en man común.

Ademais, a revisión do plan forestal segue apostando polas aulas forestais para promover a cultura e formación no sector forestal, mais estas aulas están destinadas ao fracaso se só quedan no continente e na figuración. Hoxe en día existen no país varios exemplos de edificios que foron creados con esta finalidade e que fican en desuso e abandonados.

15.- Só permite fórmulas de asociacionismo forestal nas que intervén o capital privado

A primeira revisión do Plan Forestal segue a potenciar as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) como única fórmula de asociacionismo forestal, fronte as Unidades de Xestión Forestal (UXFOR). Á diferenza destas últimas, as SOFOR son sociedades mercantís, con intervención do capital privado para o aproveitamento forestal e non buscan a implicación dos e das titulares dos montes na vertebración social e territorial do monte. As SOFOR deixan nas mans do mercado e do capital privado, que só buscan a rendibilidade económica, a solución ao abandono do rural. Por tanto nunca serán unha ferramenta eficaz contra o éxodo rural nin contra os grandes problemas que xiran arredor do monte galego.

A revisión do Plan Forestal debería deixar a porta aberta a outras fórmulas de asociacionismo no monte galego e recuperar as UXFOR para que se favoreza unha xestión colectiva do monte máis democrática e social, na que non teña intervir necesariamente o capital privado, na que se vexan implicados todos os propietarios/as e titulares dos montes e na que, ademais da rendibilidade, se procure abordar de forma conxunta a ordenación do territorio e a loita contra os incendios forestais.

16.- A educación e a investigación sobre o monte limítase ao eido forestalista

A revisión do plano forestal en temática educativa, formativa e divulgativa fala unicamente de fomentar o coñecemento e a educación nos “recursos forestais e naturais”, na “cultura forestal galega”,   nas “industrias forestais” e “centros de experimentación agroforestal”, sen considerar todos os recursos produtivos, valores e servizos que outorga o monte á sociedade galega. Esta visión sesgada e limitada do monte débese desterrar do eido educativo, apostando por unha educación integral onde o alumnado perciba o monte como parte da súa propia natureza, con toda a súa riqueza produtiva, natural e cultural, e como fonte de valores elementais para o conxunto da sociedade. A educación debe favorecer a querenza e a defensa activa dos montes galegos. Neste apartado destaca a ausencia dunha liña estratéxica centrada na divulgación e coñecemento das especies autóctonas e do seu valor ecosistémico, económico e social.

No ámbito da investigación tampouco se recolle a necesidade de potenciar proxectos dirixidos á mellora da calidade das especies autóctonas e ás súas necesidades ecolóxicas, observándose unha clara e perniciosa dirección a favorecer unicamente o coñecemento e a investigación sobre especies alóctonas.

En base a todo o expresado,

SOLICITAMOS

-A anulación da presente proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia.

-A elaboración dun novo documento de base sobre planificación do monte a partir de información actualizada sobre a  situación do monte galego e seguindo como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos que prestan os montes galegos e a sustentabilidade económica e social.

Entrega alegacións Plan Forestal

Asinan: ADEGA, AGA, AGCT, AGROCUIR DA ULLOA, ALIBÓS, AMARELANTE, APDR, ARTEU, ASOCIACIÓN FROUMA, ASOPORCEL, ATENEO EUMÉS FERNÁN MARTÍS, ATRIFOGA, A ZARROTA, BANDULLO ECOLÓXICO, BÉTULA, BICO DE GRAO, A.C. BIDUEIRO, BOCA DE SAPO, BODEGA LÍQUIDO GALLAECIA SL, CARBALLO VIVO, CASA DO RÍO, CASA COLORIDA, CASTIÑEIRO E NOGUEIRA, CDR ANCARES, CHAO DE CASTRO-ALTAIR, CIG, CMVMC DE CUBELA, CONTIMUNDI E ROIS, CMVMC DE FROXÁN, CMVMC DE VILADESUSO, COLECTIVO TERRA, COMANDO GHICHAS, COVA DO RAPOSO, CULTURA DO PAÍS, CYCLOWOOD, DATE, ENARBORAR O BOSQUE, ENXEÑERÍA SEN FRONTEIRAS, ERVA, A ESTRUGA, FACTORÍA DE IDEAS, FEG, FORO DO CAMIÑO, FORO ECOLÓXICO DE RIBEIRA, FRUGA, FUNDACIÓN EIRA, GENTALHA DO PICHEL, HIFAS DA TERRA, HORTAS DO VAL DE FEÁNS, ILLA BUFARDA, INSTITUTO DE ESTUDOS ULLOÁNS, KUNTERBUNT KLUGES DESIGN, LAGARES VIVO, MARIÑAPATRIMONIO, MILHULLOA, NATURVIVA, ORGACCMM, OVICA, PETÓN DO LOBO, PLATAFORMA SARRIANA POLO RÍO , POSADA MARRÓN GLAÇE, PROXECTO MONTENOSO, PROXECTO NEO, QUERCUS SONORA, RIDIMOAS, RÍOS CON VIDA, SACHOS Á RÚA, SALVA LA SELVA, SGO, SINDICATO LABREGO GALEGO, SOBREIRAS DO ULLA, SUSTINEA, TESOUROS DE GALICIA, UNIVERSIDADE DA CORUÑA – OMA, VEGECULTURA SL, VERDEGAIA.