A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Convivencia de gandería e fauna salvaxe: Aprendendo da experiencia en xestión no parque natural de Somiedo

Convivencia de gandería e fauna salvaxe: Aprendendo da experiencia en xestión no parque natural de Somiedo

28 de Xaneiro do 2019

Somiedo

O 25 de setembro, unha trintena de gandeiros e gandeiras de vacún de carne do SLG viaxaron ao Parque Natural de Somiedo, en Asturias, para coñecer de preto a experiencia das granxas de alí, que teñen que convivir con importantes poboacións de oso, lobo, xabaril, veados e outras especies silvestres que causan importantes danos. No último Fouce 323 publicamos unha crónica daquela viaxe e do que puidemos coñecer desta experiencia de xestión da fauna salvaxe tan distinta da galega.

De primeiras, tivemos un encontro técnico en Pola de Somiedo co alcalde, Belarmino “Mino” Fernández, e co director do parque natural, Luís Fernando Alonso. Mino, que ocupa o cargo de rexedor municipal dende 1995, explicounos brevemente a historia do parque, que se creou en 1988, e as súas características. Somiedo é un municipio con 300 km2 de extensión e 38 núcleos de poboación. Considérase de media-alta montaña, con 23 picos que superan os 2.000 metros de altitude. En total, a poboación é de 1.300 habitantes.

Cando se creou o parque, Somiedo era un concello labrego, moi atrasado economicamente, con 350 granxas cunha media de 12 vacas cada unha. No momento da creación do parque natural, apostaron fortemente pola gandería, con obxectivos como unha maior profesionalización e unha orientación cara á calidade. O resultado, trinta anos despois, é que temos 150 gandeiros e gandeiras a título principal cunha cabana que rolda as 8.000 reses e unha media de 70 animais por granxa. A vía cara a calidade centrouse en criar raza Asturiana de los Valles, que compón case o 100% da cabana gandeira de vacún en Somiedo. Con catro feiras anuais e unha exposición, a aposta por esta raza supón ingresos a maiores para as granxas coa venda de sementais e becerras para fóra.

Este gando críase en réxime extensivo. O inverno, con todo cuberto de neve, está estabulado preto das vivendas. Na primavera, soben o gando para o monte a pacer nos pasteiros dos cumes e nos vales de montaña, onde están até que volven as neves.

En Somiedo, os maiores danos causados pola fauna salvaxe veñen dados por xabarís e veados, que acaparan o 70% das indemnizacións; seguen os danos do lobo, que supoñen o 25% e, finalmente, os do oso, que se limitan a un 5% das axudas compensatorias. Os gandeiros e gandeiras cos que puidemos falar explicáronnos que a ninguén lle gusta que lle maten un xato, pero que o sistema de axudas é bastante áxil e lles está a compensar suficientemente os danos causados.

Asturias: un orzamento para indemnizar os danos da fauna salvaxe dez veces superior ao galego

Indo xa á cuestión de como se xestiona a fauna salvaxe, explicáronnos que o Principado de Asturias conta cun orzamento anual duns 3 millóns de euros para indemnizacións que cobren os danos do lobo, do oso, do xabaril e do veado. Isto contrasta con Galiza que, en 2018, só convocou axudas para cubrir os danos do lobo e orzamentou un total de 279.958. Só no caso dos ataques do lobo, Asturias está investindo en indemnizacións unha media de 1 millón de euros anuais, sendo unha comunidade máis pequena, con menos granxas e cunha poboación de lobos menor.

Como vemos, en Asturias cóbrense os danos de máis especies salvaxes cun orzamento 10 veces superior ao galego. A outra grande diferenza son os prazos para cobrar. En Somiedo explicáronnos que o prazo normal para cobrar a indemnización por danos da fauna salvaxe é duns tres meses, aínda que por diversas circunstancias -diferenzas na valoración dos danos, remate dos orzamentos a finais de ano, etc.- poden dilatarse os prazos de cobro até os seis meses. Na Galiza, como ben sabemos, pódense superar os tres anos de espera.

Somiedo 3 As coberturas dos danos en Asturias

Os baremos para fixar as contías da indemnización a reses de vacún non son moi distintos aos da Galiza. As maiores contías son para as razas autóctonas. En Asturias, a mellor pagada é a Asturiana de los Valles e, en segundo lugar, a Asturiana de Montaña. Segue a Frisoa e outras razas.

Por exemplo, un xato culón de Asturiana de los Valles menor de 3 meses, págase 600 € e, de 3 a 6 meses, a 800 €. En Asturiana de Montaña serían 250 e 300 € e, en Frisoa, 150 e 350 €. A maior indemnización sería para un semental menor de 9 anos de Asturiana de los Valles, con 1.300 €. Tamén están cubertos danos a gando cabalar, ovino, caprino, avícola, asnos e mulas, e colmeas.

Os danos en pasteiros e cultivos tamén están cubertos en diversas categorías, cada unha cos seus baremos: pradería artificial, pradería natural, pasteiro, froiteiras en xeral, maceiras, kiwi, fabas, fabas con millo, horta, cereais de verán, cereais de inverno, patacas e uvas.

Como exemplo, podemos ver as indemnizacións que se reciben en Asturias por danos comúns na Galiza, como son os ataques de xabaril. En prados, págase un máximo de 36 céntimos por m2 se son rozaduras profundas en prados artificiais de regadío. No caso do millo, págase a 39 céntimos o metro2 de millo para gran e 38 céntimos o m2 de millo forraxeiro. As patacas, a 60 céntimos o m2.

En Asturias, ademais, se queda un animal ferido por un ataque, están cubertos tódolos gastos veterinarios.

A maiores, en espazos naturais como Somiedo, as indemnizacións por danos de lobos teñen un incremento do 10%, e as causadas polos osos, dun 20%.

O control das poboacións de animais salvaxes

Outra das grandes diferenzas de Asturias con Galiza, é que a xestión da fauna salvaxe está xestionada en detalle dende a Administración. Existen censos das poboacións e, cando o número de exemplares dunha especie medra tanto que pon en perigo o equilibrio da fauna, determínanse o número de pezas que se poden abater e faise o control pola propia gardería do parque, permitíndose algunhas batidas de caza como apoio.

Custounos moito controlar de xabaril e veado”, lembrou o alcalde, “pois tivemos serios problemas de superpoboación hai uns anos. Solucionámolo a base de batidas de caza e mesmo con abatementos de control realizados pola propia gardería do parque. Curiosamente, agora os xabarís están emigrando cara ás cidades e o seu entorno”.

No caso do lobo, explicáronnos que “Asturias ten un plan específico para el. Planifícase cada ano o número de lobos que se poden abater, sempre por parte da propia gardería do parque, xa que os lobos non son doados de cazar, aínda que, dende hai dous anos, permítense tamén cobrar algúns exemplares en batidas de caza. Non é matar por matar, nin por deporte. Trátase de abatementos coordinados coa gardería do parque, normalmente exemplares de manadas que comezan a ser demasiado grandes e no momento que empezan a causar danos importantes nunha zona concreta. É moi efectivo facelo no momento xusto e coordinados coa gardería e sempre seguindo as indicacións do Plan do Lobo”.

Neste senso, Belarmino Fernández subliñou que o máis importante neste tema e ter cobertura legal con leis e normas, tal e como teñen en Asturias, e non optar polo furtivismo.

Neste senso, outra norma que se aprobou o ano pasado en Asturias foi a de establecer emprazamentos onde poder deixar os animais que morren nas granxas para alimentar a fauna salvaxe. Os osos e os lobos, se poden alimentarse de animais mortos, non se van molestar en cazar os que están vivos.

Somiedo 1