A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG e Asperfasa convocan manifestación o 8 de maio para denunciar a indefensión cos ataques da fauna salvaxe

O SLG e Asperfasa convocan manifestación o 8 de maio para denunciar a indefensión cos ataques da fauna salvaxe

26 de Marzo do 2019

Rolda SLG Fauna Salvaxe

O Sindicato Labrego Galego ofreceu, o 25 de marzo, unha rolda de prensa en Lugo para denunciar a indefensión que están a sufrir as granxas de toda Galiza diante dos ataques da fauna salvaxe. Aínda que, inicialmente, puxo o 11 de abril como data para realizar unha manifestación de protesta, acabou chegando a un acordo coa Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aprefasa) e, de cara a unir forzas e facer unha convocatoria o máis ampla posible, pospoñeuse a marcha de protesta en Compostela para o 8 de maio.

Na comparecencia ante os medios de comunicación do 25 de marzo, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, expuxo algunhas das principais demandas e riscos derivados do aumento constante dos ataques de especies como xabarís, lobos, corzos ou veados. Unha das cuestións máis alarmantes, segundo Vilalba, e a falla total de actuación por parte das administracións competentes diante do perigo de transmisión de enfermidades animais pola fauna salvaxe. En Europa, xa se está loitando contra brotes de peste porcina africana transmitida polo xabaril; e outras enfermidades como a tuberculose, que agora está baixo control tras anos de estritas campañas sanitarias, pode volver rexurdir se non se fai nada por coutar o descontrol poboacional dalgunhas especies silvestres.

A Xunta debe ser a responsábel civil subsidiaria do 100% dos danos causados pola fauna salvaxe

Outro dos temas sobre os que chamou a atención Isabel Vilalba foi o da necesidade de indemnizar o 100% dos danos causados pola fauna salvaxe. Da mesma maneira que un labrego ou unha labrega deben cubrir o 100% dos danos se un animal da súa propiedade causa un accidente, a Administración debe facer outro tanto cos danos causados pola fauna salvaxe, que é un patrimonio natural do que debe ser responsábel a sociedade no seu conxunto. E a única vía para que isto sexa posíbel é que a propia Xunta de Galicia sexa a responsábel civil subsidiaria dos danos causados por especies animais silvestres. Na actualidade, na Galiza só se cobren os danos causados por lobos e xabarís, pero de maneira moi insuficiente. Ademais, non houbo compensacións polos ataques do xabaril entre 2016 e 2019; outras especies que causan tamén estragos, como corzos e veados, non están cubertas.

Un dos gandeiros que falou na rolda de prensa, Roberto Louzán, de Cotobade (Pontevedra), é un bo exemplo no que se condensa todo o devandito. Cando se incorporou na actividade gandeira, recibiu unha axuda da Xunta para facelo e mercou un rabaño de 100 cabras. Delas, unhas 70 reses foron vítimas de ataques de lobos. Como tiña que responder pola subvención concedida, tivo que repoñer o gando, pero as novas reses enfermaron contaxiadas por corzos e obrigáronlle a sacrificar outras setenta cabras. As indemnizacións, de 24 € por cabra, non dan para nada. “Non miran se a cabra é nova ou vella, se está preñada ou non. Danche 24 euros por animal e, por riba, a efectos fiscais computan como unha subvención, polo que tes que pagar os impostos correspondentes”.

Seguimos sen solucións concretas para enfrontar o problema

Outro dos gandeiros que falaron foi Adolfo Cabarcos, de Xermade (Lugo). Adolfo data o aumento dos ataques dos lobos na súa zona dende a crise das vacas tolas, a partir da cal se institucionalizou a recollida obrigatoria de cadáveres animais nas granxas e se lle quitou unha importante fonte de alimento aos lobos. “Dende aquela, os ataques multiplicáronse”, quéixase Adolfo. “Hai comunidades como Asturias nas que está regulado o depósito de cadáveres animais baixo control para alimentar a fauna salvaxe, co resultado de que zonas nas que eran habituais os ataques de lobo, estes deixaron de producirse. Aquí levan varios anos falando da posible creación de comedeiros para alimentar fauna salvaxe, pero sen concretar nada”.

Finalmente, Isabel Vilalba Seivane sinalou tamén como unha das principais causas do aumento dos ataques da fauna salvaxe a caótica ordenación do territorio que seguimos tendo na Galiza. “Se seguimos creando monte con plantacións forestais nos núcleos habitados, no entorno das vivendas ou nas terras agrarias, a problemática da fauna salvaxe seguirá aumentando”. E que sexan as granxas as que aturen o impacto destes ataques coas súas rendas ten como responsábel directa á Xunta de Galicia e as consellarías competentes, nomeadamente Medio Rural e Medio Ambiente, que seguen facendo gala dunha lentitude exasperante á hora de poñer en práctica solucións concretas que mingüen unha problemática que xa fai inviable a agricultura e a gandería en moitas zonas de Galiza.

Rolda de prensa fauna salvaxe