A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O Sindicato Labrego Galego apoia o proceso de alegacións contra a ampliación de Gesuga en Cerceda

O Sindicato Labrego Galego apoia o proceso de alegacións contra a ampliación de Gesuga en Cerceda

25 de Agosto do 2020

Ampliación Gesuga

O Sindicato Labrego Galego é unha das organizacións que presentou alegacións ao proxecto de ampliación de Gesuga (Gestora de Subproductos de Galicia SL) en Cerceda, cuxo prazo de presentación estivo aberto durante dous meses e rematou este 24 de agosto. En concreto, o proxecto contra o que alegamos foi unha modificación das normas subsidiarias do concello cercedense para reclasificar solo urbanizable en Areosa (Queixas), de maneira que se permita unha ampliación de cara a que empresa abra o seu radio de acción e poida procesar refugallos de orixe animal non só de Galiza, senón tamén doutras comunidades e países como Asturias, Cantabria, Castela-León e Portugal.

De aí que unha da trintena de alegacións presentadas aludan a que as intencións da empresa con este proxecto son contrarias “ao beneficio social da actuación, xa que prima o interese económico sobre o dereito da poboación afectada á saúde, á calidade de vida e a un medio ambiente limpo”.

A actividade actual de Gesuga xa vén provocando un enorme impacto ambiental e serias molestias na veciñanza de varios quilómetros á redonda, con tráfico permanente de camións de grande tonelaxe por estradas que non están preparadas para acollelo ou con fortes cheiros derivados do tipo de materiais que se procesan. A ampliación da área de traballo de Gesuga e das súas instalacións non farían máis que agravar un problema que debería resolverse ou, cando menos, paliarse.O feito de transportar dende territorios tan distantes residuos gandeiros e cárnicos”, denúnciase nas alegacións “convértese nun vector de risco de contaminación ambiental e sanitaria para o propio Concello de Cerceda”. Sorprende, dende este punto de vista, que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático resolvese non someter ao procedemento de avaliación ambiental esta ampliación.

Dende o punto de vista puramente urbanístico, o proxecto de ampliación presenta numerosas eivas e irregularidades por mor das cales se pide o seu rexeitamento. Entre outras, non existe un plan especial de infraestruturas que ampare nin as actuais instalacións de Gesuga nin a súa ampliación, non se contemplan medidas de autoprotección contra incendios forestais nin se dispón do abastecemento de auga suficiente para facer viable o aumento de dimensión e actividade.

Tampouco existe un plan de prospección arqueolóxica, tal e como obriga a lei, nin se recolle a presenza de elementos patrimoniais como o túmulo do medio do Capitán ou a mámoa de Abeleira. Tanto os informes do secretario municipal como da arquitecta advirten diversas irregularidades

Ademais, o propio proceso para presentar as alegacións estivo callado de irregularidades e de atrancos postos polo propio Concello de Cerceda para dificultar o acceso á documentación por parte da cidadanía afectada, deixándoa “...nunha situación de indefensión ao dificultar e mesmo impedir a participación nesta fase do procedemento administrativo”.

MÁIS DE DEZ MILLÓNS DE METROS CADRADOS DE SOLO CONTAMINADO NA ZONA

Finalmente, cómpre lembrar que a actividade actual de Gesuga, así como a súa eventual ampliación, redundarían nos impactos medioambientais que está a encaixar unha bisbarra que, de seguir así, acabará por converterse no vertedoiro de Galiza. Lembremos que, na actualidade, a veciñanza xa está a padecer os vertedoiros de Areosa, a planta de Sogama, o ferrocarril de alta velocidade, a central térmica de Meirama, o lago da mina de lignito, os encoros de Vilasenín e Vilagudín, o cascalleiro da central térmica, etc. “Óbviase que o Concello de Cerceda ten 10.000.000 de metros cadrados de solo contaminado polas distintas industrias que desenvolveron ou desenvolven a súa actividade nel”. Nas alegacións abóndase en que “a empresa non cumpre coas condicións de bioseguridade necesarias, o que supón un risco para as poboacións afectadas en canto á posible transmisión de enfermidades, tanto no transporte como na manipulación en planta. Ademais, a aprobación da modificación suporía un aumento da presión ambiental negativa nunha contorna que xa se atopa saturada de actividades con gran afectación as poboacións, ao medio ambiente, as augas, etc”.

Por todo o devandito, o SLG seguirá apoiando os movementos e colectivos veciñais que se opoñen a este proxecto e outros que están a exercer unha presión industrial intolerable nunha das zonas gandeiras máis ricas de Galiza.

Ampliación Gesuga