A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG alega contra o decreto sobre nutrición do solo por atentar contra quen apostan por modelos agrarios sostibles

O SLG alega contra o decreto sobre nutrición do solo por atentar contra quen apostan por modelos agrarios sostibles

16 de Outubro do 2020

Esterco

O Sindicato Labrego Galego vén de rexistrar un documento con máis de corenta alegacións contra o borrador de real decreto para a nutrición sustentable dos solos agrarios (podes descargalo no remate desta páxina), unha normativa que, de non revisarse profundamente, será letal para as pequenas e medianas explotacións do norte peninsular e que afecta todos os sectores produtivos, dende os gandeiros como o vacún de leite e de carne, até o vitícola, o froiteiro, a horta ou o forestal.

A literatura que introduce o borrador está moi ben, xa que pretende: “incrementar a produtividade dos solos agrarios, diminuír o impacto ambiental dos produtos fertilizantes, nutrientes e materias orgánicas e reducir a emisión á atmosfera de amoníaco e outros gases de efecto invernadoiro, así como evitar a posible contaminación de augas por nitratos”. O problema é que, vendo a normativa que desenvolve estas intencións, comprobamos que é un auténtico despropósito que só vai beneficiar a determinadas industrias, como as de venda de maquinaria agrícola ou a industria dos abonos; e vai resultar moi lesiva para a totalidade os sectores agrogandeiros que xa utilizan métodos de fertilización sustentables. De feito, de aplicarse o decreto tal e como está redactado no borrador, incentivará un forte incremento no uso de abonos químicos e obrigará á compra de maquinaria pesada cuxo uso aumentará un consumo de combustibles fósiles que contradí as intencións do texto.

Levamos meses escoitando que o grande problema que ía xerar este decreto, de aprobarse, sería a obriga de mercar inxectores de xurro ao prohibirse o esparexemento por prato ou canón. Pero esta innecesaria e absurda compra dunha maquinaria carísima pasa a ser un mal menor se analizamos polo miúdo o texto. E é que, até agora, non se falou das enormes obrigas burocráticas que vai traer canda si o decreto: análises de solos e materiais empregados, obrigatoriedade de asesoramento, caderno de fertilización, restricións no amoreamento, inspección de equipos, plan de adubado, etcétera. E isto afectará todos os sectores agrogandeiros profesionais, dende unha pequena horta ou viñedo, até un pomar para mazá de sidra ou calquera cultivo forestal. De aprobarse o decreto, será interesante ver como fan en zonas de orografía difícil, como os socalcos da Ribeira Sacra, para amorear os estercos e enterralos nas catro horas seguintes á súa aplicación.

NON SE DIFERENCIA O ESTERCO DO XURRO

Un dos feitos que máis sorprenden deste borrador é que non distingue entre esterco e xurro, o cal é un auténtico disparate, xa que se obvian os beneficios do primeiro fronte ao segundo: menores perdas de amoníaco, maior contido en carbono orgánico, mellor conservación da estrutura do solo, mineralización máis lenta, precursor da microbioloxía do solo, etcétera . É dicir, condenan a ter as mesmas obrigas e controis (análises, rexistros, sistemas de aplicación, etc.) a unha pequena granxa ecolóxica que elabore esterco que a unha macroexplotación de porcino con miles de porcos, o cal é un disparate e un auténtico despropósito a nivel ambiental. Nin sequera se teñen en conta factores como as características edafoclimáticas de cada territorio, tomando todo o Estado coma se tivese un único tipo de solo e un único clima; e tanto dá que se trate dunha única granxa illada nunha zona de montaña que de miles de explotacións concentradas nas zonas de maior densidade gandeira. A norma obriga a todas por igual.

Tamén aparecen outras barbaridades, como considerar o cultivo de especies forestais de crecemento rápido como superficie agraria útil.

OU TES UN TÍTULO OFICIAL OU TERÁS QUE PAGAR ASESOR PARA BOTAR O ESTERCO

Outra das obrigas coas que terán que apandar labregos e labregas será a de pagarlle obrigatoriamente a un asesor en fertilización para poder estercar as fincas. É dicir, se non tes unha titulación regrada que che permita facelo, terás que pagar para que che digan como debes botar o esterco. Ademais, tampouco se definen incompatibilidades para estes asesores, de maneira que fica a porta aberta a que sexan técnicos contratados por comercios agrícolas ou empresas de fertilizantes quen fagan ese traballo e decidan sobre que botarlle á terra e en que cantidade. O negocio para uns poucos e a ruína para a maioría están servidos.

PERMÍTENSE LODOS DE DEPURADORA, REFUGALLOS DA AGROINDUSTRIA E ATÉ RESIDUOS PLÁSTICOS

Outros despropósitos do decreto:

  • Permítese o emprego de lodos de depuradora e refugallos da agroindustria para producir alimentos, sen incluír novas restricións ou obrigas no seu uso. O borrador mesmo permite até medio quilo de plásticos por tonelada de material. Isto pode ser unha bomba de reloxería para a saúde da cidadanía e dos propios solos agrarios.

  • Os niveis de metais pesados máximos permitidos que contempla o borrador son obsoletos, máis cando nalgunhas comunidades autónomas xa revisaron estes valores, reducíndoos.

  • A base de datos do Ministerio para calcular as emisións do sector vacún de leite está errada e non cumpre as directrices metodolóxicas internacionais, xa que non contempla a existencia de gando de aptitude leiteira en pastoreo, cando o 61,2 % das granxas fan pastoreo con algún ou coa totalidade dos lotes do rabaño (produción, secas e xatas).

  • En ningún momento se fala dos pastos permanentes, sabendo que estes “cultivos” están directamente relacionados con sistemas de produción máis extensivos e sustentables, con emisións de gases con efecto invernadoiro (GEI) moito mais baixas e como factor de conservación dun solo vivo.

  • Non se menciona a singularidade nin se regula especificamente a gandería intensiva sen base territorial, especialmente o porcino, cuxas explotacións son as máximas causantes das emisións de GEI no agro e as únicas que as aumentaron dende 2016. Tampouco se fala de modelos de produción de alimentos nin de soberanía alimentaria, cando a maioría dos GEI relacionados coa produción de alimentos se deben á intensificación, á tecnificación e ao transporte de alimentos a miles de quilómetros para humanos e para o gando.

AS GRANXAS CUN MODELO AGRARIO SUSTENTABLE DEBEN QUEDAR Á MARXE DO DECRETO

Todo o devandito, e aínda máis, vimos de denuncialo nas case corenta alegacións rexistradas contra o borrador do real decreto, un informe que tamén lles facilitamos a todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia. De maneira resumida e como alternativa, dende o Sindicato Labrego Galego defendemos:

  • Unha discriminación positiva para as granxas ecolóxicas, as pequenas explotacións familiares e os proxectos agrarios biodiversos ao entender que estre decreto repercutirá negativamente na súa viabilidade e na supervivencia do seu modelo produtivo.

  • A excepción ao cumprimento do decreto (ou a flexibilización deste) nas granxas de pequeno tamaño que practiquen un modelo de agricultura sustentable, que empreguen métodos de xestión / aplicación tradicional dos estercos, que practiquen agricultura en zonas de alto valor natural ou que sigan prácticas agroecolóxicas en todo o seu conxunto.

  • Unha norma máis estrita para as granxas sen terra, as altamente intensificadas e aquelas que empreguen lodos de depuradora ou residuos para a produción de alimentos.

  • A exclusión dos cultivos forestais de crecemento rápido como producións agrarias, e a súa exclusión da definición de superficie agraria útil e de solo agrícola.

Ficheiro adxunto