A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. O SLG critica o Ministerio de Transición Ecolóxica por branquear a actividade destrutiva da industria mineira

O SLG critica o Ministerio de Transición Ecolóxica por branquear a actividade destrutiva da industria mineira

25 de Novembro do 2020

Minas non

O Sindicato Labrego Galego, como membro de Contraminacción, que á súa vez forma parte da Rede de Plataformas “Non minas na Península Ibérica”, quere expresar o seu rexeitamento a un cuestionario realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco) a diversos axentes sociais que semella máis orientado a convencernos das bondades do seu Plan sobre Xestión Sostible de Materias Primas Minerais que á tentativa de acoutar e poñer freo á destrución e contaminación sen paliativos que está a supor a actividade mineira tal e como se realiza na actualidade.

En efecto, dende “Non minas na Península Ibérica”, consideramos que as nove preguntas realizadas polo Miteco en forma de consulta cidadá “formúlanse dun xeito convido, en positivo, para recibir respostas no mesmo senso”. (Podedes descargar o documento publicado pola rede, onde aparecen as nove preguntas respondidas, da páxina 21 á 24, na icona que aparece no remate desta páxina).

A sociedade, porén, responde de maneira diferente ás pretensións de quen gobernan ao servizo de modelos económicos baseados no uso de combustibles fósiles ou, agora, de materias primas finitas, con métodos cuxos custes ambientais están demostrando ser moi prexudiciais. As plataformas antiminaría avogamos por non repetir os mesmos erros do pasado que nos trouxeron ao presente no que nos atopamos, onde é urxente reducir as emisións de CO a nivel global e manifestar que xa non hai marxe para experimentar outras fórmulas con caducidade sinalada.

Utilizar unha e outra vez recursos finitos, materias primas difíciles de extraer e a un custe social e ambiental tan alto, converte por definición a folla de ruta do Miteco xusto no contrario do que pretende: Algo nada sostible, baseado nunha economía unidireccional en vez de circular, e axudando a extinguir a vexetación que debería realizar unha función necesaria como sumidoiro de carbono para reverter o cambio climático.

Dende a Rede de Plataformas “Non Minas na Península Ibérica”, remitimos un escrito ao Miteco no que rexeitamos o rumbo trazado e respondemos ás cuestións formuladas alegando a través de decenas de estudos e informes técnicos que cuestionan, de forma precisa e ben xustificada, o modelo que pretenden instaurar.

As plataformas, secundadas por miles de persoas en toda a Península Ibérica, pretendemos ser escoitadas e comezar a formar parte da nova cidadanía activa e soberana que ve con temor as consecuencias e as ameazas que suporía levar a cabo unha folla de ruta de extracción de materias primas minerais sen as debidas garantías legais e medioambientais, nun marco de escaseza de precipitacións e contemplando a presión que exercen as empresas multinacionais que buscan exclusivamente beneficio económico a costa do que sexa.

Diante disto, queremos invitar á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a sentar para falarmos, para sermos escoitados e escoitadas. A cidadanía, as persoas que vivimos e poboamos o territorio, que precisamos do equilibrio ecolóxico e medioambiental para vivir, somos a principal vítima dos atropelos da industria mineira, polo queremos formar parte da folla de ruta do Miteco. Temos o dereito, tamén o deber para coas xeracións futuras, de decidir o noso futuro, o das nosas familias e o do noso patrimonio cultural e natural, en serio perigo polos constantes atentados da industria mineira.

Rede non minas Península Ibérica

Ficheiro adxunto