A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Esiximos criterios axustados á realidade galega na xestión do lobo

Esiximos criterios axustados á realidade galega na xestión do lobo

28 de Septembro do 2021

lobo

Demandamos que as medidas preventivas e os criterios para as indemnizacións por ataque de lobo se axeiten a nosa realidade. Non todo o estado español e latifundista nin Castela, é ineludible ter en conta a realidade económica e social das explotacións galegas. Precisamos un programa de sanidade animal eficiente, que protexa ao lobo ao tempo que palie os impactos nas granxas e que evite o contaxio de enfermidades a cabana doméstica.

A finais do presente mes de setembro foi publicada no BOE a Orde pola que se modifica a situación das poboacións de lobo situadas o norte do Rio Douro, pasando estas a ter consideración de “vulnerables”, que ata o de agora unicamente a tiñan as poboacións de lobo situadas o sur do Rio Douro, que xa estaban incluídas no listado LESPRE. Esta inclusión no listado LESPRE de todas as poboacións do lobo como especie “vulnerable”, supón que o lobo deixe de ser considerada especie cinexética, consideración que ata agora tiña na Galiza e que permitía baixo determinadas condicións e previa autorización da Xunta de Galicia que se puidera cazar de xeito puntual, se ben estas batidas autorizadas pola Xunta de Galicia nos últimos 10 anos eran practicamente inexistentes.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos salientar a incongruencia de que esta modificación, feita a petición da “Asociación para a conservación e estudio do Lobo ibérico- ASCEL”, non teña sido en ningún caso consensuada nin negociada cos sectores máis afectados pola convivencia co lobo ibérico, como son os sectores gandeiros do vacún de carne, do leite, ovino ou caprino, nin se axeite á realidade que existe nas zonas do norte peninsular.

Ademais, a inclusión do lobo no listado LESPRE trouxo consigo unha guerra política entre Ministerio e distintas CC.AA, entre elas a Xunta de Galicia, con negativas consecuencias para as labregas e labregos. No mesmo día da publicación do BOE puidemos escoitarlle á Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vazquez, o anuncio de que cancelará a liña de indemnizacións por ataques do lobo ao gando. Esta ameaza non se basea en ningún imperativo legal, constituíndo unha mostra máis da indefensión á que se somete ás persoas gandeiras dende as distintas administracións públicas. É simplemente un pretexto aproveitado pola Xunta de Galicia para desentenderse da xestión da fauna salvaxe e eludir desenvolver unha estratexia política que permita a convivencia do lobo garantido medidas económicas de protección ás labregas e labregos.

As distintas realidades que presenta o territorio do estado español, non permite homoxeneizar os criterios para a conservación do lobo. Levamos meses instando ao Ministerio a que a competencia en xestión de fauna salvaxe sexa autonómica. Tamén esiximos á Xunta de Galicia que deixe de facer propaganda e de empregar ao campesiñado deste país como arma arroxadiza contra o Estado, e que ata que se modifique o plan estatal de xestión do lobo, cumpra coas súas obrigas nesta materia.

Demandamos que as medidas preventivas e os criterios para as indemnizacións por ataque de lobo se axeiten a nosa realidade. Non todo o estado español e latifundista nin Castela, é ineludible ter en conta a realidade económica e social das explotacións galegas. Precisamos un programa de sanidade animal eficiente, que protexa ao lobo ao tempo que palie os impactos nas granxas e que evite o contaxio de enfermidades a cabana doméstica.

Levamos moito tempo pedindo a asunción da responsabilidade civil por parte da administración pública sobre o 100% dos danos que causa o lobo ibérico, así como o pagamento do lucro cesante, o financiamento do 100% das medidas de protección e programas de alimentación da fauna salvaxe a cargo da administración e a eliminación de zoas abandonas que poidan servir de refuxio para a fauna silvestre próximas a granxas e cultivos.

En definitiva, reiteramos dende o Sindicato Labrego Galego a esixencia de recuperación de criterios de convivencia co lobo coherentes coa realidade galega no deseño do novo período de axudas PAC, e condenamos a instrumentalización política da xestión desta e outras especies de fauna salvaxe no medio rural.