A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Ambiente e Montes>
  4. Veciñanza afectada e SLG denunciamos irregularidades na exposición pública dos parques eólicos Mistral e Nordés

Veciñanza afectada e SLG denunciamos irregularidades na exposición pública dos parques eólicos Mistral e Nordés

16 de Novembro do 2021

Dificultades alegacións

O pasado 7 de outubro o Boletín Oficial da Provincia de Lugo recollía o anuncio de dous novos megaparques eólicos máis: Parque Eólico Mistral de 100,8 MW e infraestrutura de evacuación na provincia de Lugo (solicitado por GREENALIA WIND POWER MISTRAL S.L.U), e o Parque Eólico Nordés de 67,2 MW e infraestrutura de evacuación nas provincias de A Coruña e Lugo (solicitado por GREENALIA WIND POWER NORDÉS S.L.U. ).

 

 

O período de alegacións é de 30 días, pero a veciñanza afectada e os colectivos sociais articulados fronte á invasión eólica do medio rural atopámonos ca dificultade de que o enlace que debería levar ao proxecto de instalacións e estudo de impacto ambiental, arquivos obxecto de consulta para a elaboración das mesmas, está caducado (https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/e81d4c6dab4be13c17155e6d29cd48c725b90dcc).

Esta situación vulnera os dereitos das persoas afectadas e da cidadanía en xeral, ao impedir a participación pública. Así o fixemos constar no día de hoxe ao Ministerio de Política Territorial a través do rexistro dun escrito no que dende o Sindicato Labrego Galego solicitamos a correspondente realización dunha nova publicación e a concesión dun novo prazo de alegacións.

A Lei de Depredación (2017), a Lei de Simplificación Administrativa (2021) e a estreita conexión das empresas que monopolizan o negocio enerxético na Galiza co goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia -véxase por exemplo o caso da ex-conselleira de Medio Ambiente con Feijoo, Beatriz Mato, que deixou o seu cargo no ano 2018 para ser precisamente conselleira executiva de Greenalia-, constitúen impedimentos moi significativos para que a cidadanía, a poboación que vivimos nas áreas rurais, podamos protexernos. Os enlaces errados nas publicacións oficiais, e todo cando obstáculo detectemos fronte o dereito das persoas a alegar contra os macroproxectos do monopolio enerxético serán denunciados.