A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. ContraMINAcción esixe a paralización da actividade de Cementos Cosmos en Triacastela

ContraMINAcción esixe a paralización da actividade de Cementos Cosmos en Triacastela

14 de Agosto do 2014

ContraMINAcción exixe a paralización da actividade de Cementos Cosmos

A Asociación Socio-Cultural O Iribio, en representación da plataforma ContraMINAcción, vén de exixir hoxe, día 13 de agosto, ao Concello de Triacastela a paralización inmediata de calquera actividade na mina a ceo aberto de Cementos Cosmos en Triacastela, dando un prazo de 24 horas para que a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias Fontal, tamén deputada no Congreso en Madrid, actúe nese senso en exercicio das súas competencias e evite as actividades ilegais que esta empresa está a realizar.

Cementos Cosmos levaba 10 meses coa súa actividade paralizada en dita explotación mineira despois que dita asociación tivese denunciado e exixido a paralización inmediata por carecer de licenza urbanística municipal. Non obstante, no pasado día 1 de agosto, a alcaldesa de Triacastela outorgou dita licenza, e nese mesmo día, Cosmos reiniciou a súa actividade, a un ritmo frenético, traballando fins de semana incluídos, mentres o Concello de Triacastela nos impedía o acceso ao documento da licenza. Finalmente conseguimos acceder a el, e comprobar como contén diversos requisitos e condicións de obrigado cumprimento, varios deles previos ao reinicio de dita actividade, que Cosmos está a incumprir, motivo polo cal demandamos a paralización inmediata da actividade.

Ademais disto, o outorgamento desta licenza é un escándalo, nun procedemento cheo de irregularidades, ilegalidades, contradicións e indicios de prevaricación, saltando calquera avaliación ambiental, nun lugar onde é unha auténtica barbaridade a autorización dunha explotación mineira, polo que xa anunciamos que será recorrida demandando a súa anulación.

A concesión mineira «Don Isidro nº6043», de 11 cuadrículas en recursos C) que posúe Cementos Cosmos en Triacastela despois dun escuro proceso de reclasificación durante a etapa de Fernando Blanco como conselleiro de Industria nunha trapallada sen precedentes, está sobre 5 aldeas, corta vías de comunicación, usurpa monte comunal, etc … todo con o beneplácito das diferentes administracións, que sempre actuaron e continúan a actuar ao servizo dos intereses de Cementos Cosmos e contra os veciños de Triacastela. Alén diso, esta mina a ceo aberto, cun impacto paisaxístico brutal, está en plena Rede Natura, no LIC Ancares-Courel, nunha área onde se documentan ducias de especies protexidas e hábitats de altísimo valor, pero esta concesión foi outorgada sen avaliación ambiental, e agora a licenza municipal tamén é outorgada sen calquera avaliación ambiental, coa permisividade da Consellaría de Medio ambiente.

Está sobre un cauce fluvial, afectando aínda o Domínio Público Hidráulico tamén doutro río, cun expediente sancionador sen executar por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que inicialmente emitiu informe desfavorável no pasado mes de xuño alertando de mais dunha ducia de ilegalidades, pero que inexplicablemente emitiu o mesmo informe dicindo o mesmo, só que informando favoravelmente no pasado 16 de xullo.

Dita explotación mineira está fisicamente sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós, danando gravemente o centenar de pinturas rupestres debido a filtracións de auga ao ter sido retirada a capa de terra e rocha sobre ela, amais de ter destruído xa outra cova similar e ameazar coa destrución física outras tres aínda sen estudar.

A pesar da modificación en 2012 da delimitación e da área de protección do Camiño de Santiago ao seu paso ao pé desta explotación mineira, o impacto paisaxístico que ten desde el durante moitos quilómetros é tan brutal, que o Comité Asesor do Camiño de Santiago manifesta a incompatibilidade desta actividade extractiva cos valores patrimoniais do Camiño de Santiago, o cal non impediu que Juan Antonio Naveira Seoane, subdirector xeral de Protección do Patrimonio Cultural fixera ouvidos xordos e emitise informe favorável ao outorgamento desta licenza municipal.

Poderíamos continuar a citar e describir os atentados contra os valores patrimoniais, ambientais, culturais, económicos e sociais da zona que supón esta explotación mineira, non obstante, o que aquí denunciamos é o constante e absoluto asoballamento que esta administración ao servizo das empresas mineiras permite, autoriza e até promove, e a destrución irreversível que estas prácticas mafiosas producen.

Estas desfeitas promovidas por depredadores sen escrúpulos e os fieis lacaios ao seu servizo na administración destrúen irreversivelmente un valioso tesouro e o noso futuro, sendo preciso pararlles os pés dunha vez por todas.

http://www.mineriagalicia.org/2014/08/13/contraminaccion-exixe-a-paralizacion-da-actividade-de-cementos-cosmos/