A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. contraMINAcción reafírmase na súa loita contra a minaría salvaxe e solidarízase con Marcos Celeiro

contraMINAcción reafírmase na súa loita contra a minaría salvaxe e solidarízase con Marcos Celeiro

11 de Novembro do 2014

Isabel Vilalba

Se algo quedou claro no II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza é que todo o noso territorio está ameazado pola proliferación de proxectos mineiros en fase de permiso solicitado, concedido, de exploración, etcétera, que se suman ás explotacións de mineral xa en activo.

E para iso, moitas empresas mineiras non só realizan a súa actividade saltándose a legalidade vixente e destruíndo espazos como solos rústicos de protección agropecuaria, reservas da biosfera ou Rede Natura; senón que, no caso concreto de Cementos Cosmos, tamén pasaron á represión dos e das activistas que denuncian estas ile- galidades. Ese foi o caso do noso compañeiro Marcos Celeiro, presidente da Asociación Cultural O Iribio, de Triacastela, que denunciou esta empresa por esdesenvolver a súa actividade sen os permisos e licenzas pertinentes e se atopou cunha demanda da cementeira de 45.000 euros máis as costas xudiciais do proceso, seica por “danos e prexuízos contra a súa honra”.
Dende o II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza, tódalas organizacións e colectivos que formamos parte da Plataforma contraMINAcción, en- tre os que está o Sindicato Labrego Galego, solidarizámonos con Marcos e o resto de activistas do Iribio que están ameazados e ameazadas. Diante da actitude de Cementos Cosmos, dende contraMINAcción lanzamos unha mensaxe clara e inequívoca á patronal mineira: nin esta nin ningunha outra tentativa de amordazarnos van impedir que sigamos denunciando as ilegalidades que cometen  nin o feito de que, coa complicidade do Goberno da Xunta, pretendan apropiarse do noso territorio para o seu lucro privado e a costa de destruír e envelenar o noso medio natural e atentar contra sectores produtivos vitais para a nosa economía como a agricultura, a gandería ou a pesca.
Precisamente, este último feito foi un denominador común das diversas análises que se fixeron no Encontro sobre porxectos mineiros como os que Erimsa pretende levar a cabo na Terra Chá ou Edgewater en Bergantiños, ou explotacións en marcha como a de Cementos Cosmos en Triacastela. Estes exemplos deixan ben claro que a destrución irreparable do noso patrimonio e dos postos de traballo que provoca a minaría salvaxe sáelle infinitamente máis cara á sociedade galega que os lucros particulares que obteñen desa explotación os accionistas dunhas empresas que, na maior parte, adoitan ser estranxeiras.

4.500 empregos a minaría na Galiza fronte a máis de 60.000 cotizantes á Seguridade Social Agraria

O Sindicato Labrego Galego tivo unha participación importante neste Encontro. Así, Margarida Prieto Ledo fixo memoria da loita na Terra Chá contra os proxectos mineiros de Erimsa; mentres que a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, interveu para denunciar unha dinámica global de acaparamento de terras que tamén afecta a Galiza. “Nos últimos anos”, explicou Isabel, “máis de 45 millóns de hectáreas de terras que estaban en mans do campesiñado foron acaparadas por distintos proxectos financeiros e empresariais para fins como monocultivos para enerxía, produción industrial de alimentos, minaría ou simples investimentos de fondos de capital”.
Poñendo o acento en terras galegas, Isabel Vilalba lembrou algúns dos proxectos mineiros que nos ameazan e as hectáreas que afectan: 6.000 hectáreas na Terra Chá, 8.000 hectáreas na comarca de Ordes, 400 hectáreas na Limia, etc. A secretaria xeral do SLG comparou estas cantidades coa base territorial media das explotacións galegas que, en 2010, non chegaba ás 8 hectáreas, tendo o 62'68% das granxas menos de 5 hectáreas.
Outro dato que achegou Isabel Vilalba foi o do emprego. Mentres que a minaría na Galiza emprega unhas 4.500 persoas, na Galiza hai 61.484 cotizantes á Seguridade Social Agraria, cifra que non contempla unha porcentaxe importante da poboación que realiza traballos agrarios a tempo parcial para obter ingresos complementarios; nin a miles de mulleres labregas que, aínda que traballan na explotación familiar, non cotizan nin son titulares; nin os empregos indirectos no sector: fabricación e venda da insumos e maquinaria agrícola distribución alimentaria, etc. Para o Sindicato Labrego, resulta    inaceptable que a Xunta lexisle a favor dunha actividade que xera tan pouca riqueza e que é tan destrutiva como a minaría, a costa de deixar indefensa e sen base territorial a unha profesión, como a labrega, que estrutura e xestiona todo o territorio e xera unha riqueza sostible no tempo infinitamente superior á mineira.

II Encontros Minaría