A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O SLG presenta medio cento de alegacións contra o cambio do PXOM de Curtis apoiadas por familias labregas afectadas

O SLG presenta medio cento de alegacións contra o cambio do PXOM de Curtis apoiadas por familias labregas afectadas

29 de Maio do 2018

María Ferreiro en Curtis

A coordinadora do Sindicato Labrego Galego en Curtis, María Ferreiro, vén de rexistrar medio cento de sinaturas (en total 42), que representan outras tantas familias labregas, apoiando as alegacións contra os cambios no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que pretende levar adiante o goberno curtense, e que deixarían desprotexido o solo agrario e forestal.

Días atrás, o SLG xa denunciara que a modificación nº 7 do PXOM de Curtis, de aprobarse, deixaría desprotexidos os solos rústicos de protección agropecuaria e forestal porque pasarían a ser solo rústico de protección ordinaria. Este cambio normativo implicaría que a Consellaría de Medio Rural deixaría de ser o organismo sectorial de referencia, podendo levarse a cabo actuacións e permisos de actividades de calquera tipo sen que Medio Rural puidese emitir ningún informe nin posicionarse de ningún xeito (+información en: bit.ly/pxomCurtis)

Tras visitar os domicilios das familias labregas curtenses nas últimas semanas, no SLG descubrimos con abraio que o concello, na campaña que levou a cabo para dar conta destes cambios normativos á poboación afectada, deu unha información moi deficiente, cando non errónea.

Dende o Sindicato Labrego Galego seguimos a insistir que o Concello de Curtis non pode levar a cabo estes cambios normativos porque atentan contra os intereses da maioría da poboación curtense, ligada dun xeito ou outro ao sector agropecuario, ao deixar indefensa a base territorial das granxas fronte aos intereses industriais.