A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. O SLG pide que os plans de mobilidade de terras favorezan no reparto a xente nova e granxas da zona

O SLG pide que os plans de mobilidade de terras favorezan no reparto a xente nova e granxas da zona

29 de Xaneiro do 2019

Conselleiro

O Sindicato Labrego Galego vai iniciar unha rolda de contactos cos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia para pedirlles información sobre os plans piloto de mobilidade de terras que está a desenvolver a Consellaría de Medio Rural en comarcas como Lemos, Ancares, Courel, O Ribeiro ou Verín.

Para o Sindicato Labrego Galego, as políticas de mobilidade de terras, co grave problema de acceso a base territorial que teñen miles de granxas na Galiza ou familias que se queren iniciar na profesión agraria, non só son necesarias, senón que se antollan indispensables nun escenario no que os custes de produción non paran de subir e os ingresos das granxas se manteñen conxelados ou á baixa, e o despoboamento do campo é imparable. Porén, tal e como están deseñados estes plans piloto de mobilidade de terras, crean serias dúbidas sobre os criterios de asignación de fincas que se están a seguir.

Agora mesmo, temos constancia de que hai empresas ou entidades que levaban moito tempo detrás de fincas que, con estes plans e valéndose de fondos públicos -lévanse gastados máis de tres millóns de euros para acondicionar e preparar as terras- , están conseguindo eses predios sen custe algún.

Se ben cremos que a mobilidade de terras e facilitar o acceso ás mesmas é necesario e indispensable, no SLG tamén cremos que ese reparto debe facerse en base a uns baremos transparentes, obxectivos e públicos que primen aspectos para a concesión como a proximidade das granxas solicitantes a esas terras, a incorporación de xente moza ou a fixación de poboación no rural.

INFORMACIÓN PRIVILEXIADA PARA PROXECTOS “DE GRAN ENVERGADURA”?

Por desgraza, agora mesmo descoñecemos os criterios cos que a Consellaría de Medio Rural está repartindo as terras dos plans piloto, con concesións que poden chegar aos 30 anos de arrendamento, e sospeitamos que hai empresas e grandes cooperativas con información privilexiada que se están a beneficiar claramente destas accións en detrimento doutras granxas máis necesitadas de terra. O propio conselleiro de Medio Rural, José González, declarou ao respecto que estes plans teñen, entre outros obxectivos, “a posta en contacto e a arbitraxe entre titulares [de terras] e axentes [interesados en darlles uso], tales como cooperativas ou empresas agrarias, interesados en promover proxectos produtivos agrarios de gran envergadura”. Se son “proxectos de gran envergadura” os beneficiarios destes plans, está claro que as granxas familiares que realmente precisan máis base territorial, ou o inicio de novos proxectos por parte de xente nova, non se van beneficiar da mobilidade destas terras. Pola contra, farano esas “cooperativas ou empresas agrarias” das que fala o conselleiro.

Tamén queremos denunciar os criterios para declarar unha terra en estado de abandono para incluíla nestes plans de mobilidade. Por exemplo, poden declararse en estado de abandono as terras dunha comunidade de montes por aspectos puramente burocráticos como non ter renovado a directiva no prazo previsto.

Por iso, dende o SLG pedirémoslle aos partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia que fagan o posible para que se establezan uns criterios transparentes e obxectivos neses plans de mobilidade de terras, para que contribúan realmente ao desenvolvemento rural, e que se están a desenvolver grazas a orzamentos millonarios pagados cos cartos dos galegos e das galegas.