A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Terra e Estruturas>
  4. As granxas de Agolada temen quedar outro ano sen bonificación do IBI pola excesiva burocracia

As granxas de Agolada temen quedar outro ano sen bonificación do IBI pola excesiva burocracia

8 de Abril do 2019

Inmoble agrario

Despois de que, en 2018, a maioría das granxas agolenses que podían solicitar a bonificación no IBI dos inmobles agrarios quedasen sen a axuda, en 2019 hai moitas que temen que poida acontecer outro tanto. Desta vez, e trala experiencia do ano pasado, as granxas solicitantes prepararon con suficiente antelación todos os documentos esixidos para tramitar a axuda en prazo. Algo nada doado pois, de feito, moitas granxas que podían beneficiarse da bonificación, especialmente aquelas rexentadas por persoas maiores, xa non pasaron o traballo de enlearse neste vía crucis burocrático e renunciaron a facer a solicitude.

A sorpresa para as granxas que si solicitaron veu este martes, 2 de abril, cando o funcionario municipal encargado da xestión da axuda comunicou que, das trinta granxas que pediron a bonificación, só tres achegaban a documentación completa. Ao preguntar que documento faltaba, dixéronlles que o certificado para acreditar a actividade agraria debía ser o oficial da Xunta e ter código de verificación para evitar falsificacións. Máis alá de que se culpabilice a priori ás persoas solicitantes, prevendo que poidan delinquir falsificando un documento público, resulta desconcertante que os documentos acreditativos da actividade agraria que se usan habitualmente, como o censo de explotación da Oficina Agraria Virtual ou a Carta de Saneamento, non sirvan no Concello de Agolada. De feito, en Lalín e Silleda hai axudas semellantes e non piden o certificado da Xunta con código de verificación.

O problema vai máis alá dun aumento innecesario da burocracia. E é que no concello déronlles de prazo ás granxas afectadas até hoxe, 5 de abril, ás 11:30, para presentar ese documento solicitado que, en circunstancias normais, tarda entre unha semana e quince días en ser expedido.

Dende o Sindicato Labrego Galego mantivemos unha conversa telefónica co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, quen nos garantiu que dende o Concello van xestionar directamente coa Xunta de Galicia para que lles envíen estes certificados en prazo. Agardamos que cumpra coa súa palabra e non quede fóra ningunha das granxas que solicitaron a bonificación do IBI e que, para o ano que vén, o Concello de Agolada se ateña á Lei 39/2015 do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, que di no artigo 28.2 que “os interesados teñen dereito a non aportar documentos que se atopen en poder da administración actuante (neste caso o concello) ou que fosen elaborados por calquera outra administración (neste caso a Consellería do Medio Rural)”