A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. Persoas e organizacións en defensa do campo reúnense en Mondoñedo no IX Foro por un Mundo Rural Vivo

Persoas e organizacións en defensa do campo reúnense en Mondoñedo no IX Foro por un Mundo Rural Vivo

24 de Outubro do 2014

Rolda de prensa

Durante os días 24, 25 e 26 de outubro de 2014, a cidade de Mondoñedo (Lugo) acollerá o IX Foro por un Mundo Rural Vivo baixo o lema “Bens comúns, loitas e resistencias para a defensa dos nosos territorios. Alicerzando a proposta labrega coa mocidade nas nosas agras”. Convocado pola Plataforma Rural, nesta ocasión o Sindicato Labrego Galego oficiará como organización anfitrioa e coorganizadora do evento. Precisamente, foron o presidente da Plataforma Rural, Jerónimo Aguado, e a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, quen se encargaron de presentar o evento, o 23 de outubro, nunha rolda de prensa realizada na Cova da Terra (Lugo).

O Foro é un espazo de encontro que se celebra cada dous anos e que reflicte, á perfección, a natureza da propia Plataforma Rural, na que se integran unha trintena de organizacións de todo o Estado de ámbitos tan diversos como a ecoloxía, o consumo, a agricultura ou as ONGs pero cun obxectivo común que coincide co nome do Foro: manter vivo o mundo rural. Esta variedade de prismas para enfrontar un mesmo problema xorde porque ese problema tamén ten múltiples facetas. Segundo Aguado “non podemos manter un mundo rural vivo cos servizos públicos desmantelados, coa agricultura e gandería xestionada por labregos e labregas ao borde da desaparición, ou cos alimentos convertidos nunha simple mercadoría que non ten en conta a función social de quen os produce”. Precisamente, para abordar dende tan diversas facetas a mantenza dun mundo rural vivo naceron estes foros que agora acolle Mondoñedo. “A intención é mobilizar á sociedade, tanto rural como urbana, que cre nesta batalla.”, explicou o presidente de Plataforma Rural. “Trátase dun espazo de encontro das persoas e organizacións que estamos a traballar para isto a nivel local, ou de movementos internacionais que fan o mesmo a nivel global, como a Vía Campesina. Vimos poñer en común os traballos que estamos a desenvolver en todo o Estadoe, sobre todo, construír colectivamente a axenda política da Plataforma Rural e cargar as pilas para os vindeiros dous anos”.

Como curiosidade, Jerónimo Aguado aclarou que, a pesares de ser o IX Foro por un Mundo Rural Vivo, en realidade é a súa décima edición, pois o evento inaugural foi considerado como un ano cero da serie que recala esta fin de semana en Mondoñedo.

Pola súa banda, Isabel Vilalba explicou polo miúdo o programa a través do cal se vai desenvolver o Foro. A secretaria xeral do SLG destacou a enorme cantidade de experiencias na produción de alimentos que se darán cita no Foro, dende comunidades de montes, até confrarías de pescadores ou persoas que se dedican á agricultura, á conservación de sementes tradicionais, etc. O sábado será unha auténtica treboada de debates e ideas, destacando dous eventos: pola mañá, os espazos construídos pola mocidade e polas mulleres para tratar as súas propias estratexias, problemáticas e retos; e pola tarde, o Encontro Europeo de Comités de Apoio ao Movemento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra do Brasil. Entre medias, un bo feixe de espazos de debate ao redor de cuestións de grande calado para o medio rural nos vindeiros dous anos, como o tratado de libre comercio que a Unión Europea pretende asinar con Estados Unidos, a compra pública de alimentos como ferramenta clave para xerar e manter emprego no campo, ou a problemática do acceso á terra. Polo demais, o foro propiciará un rico intercambio cultural que se verá reforzado polas actuacións musicais dos valencianos Tomás de los Santos e Borja Penalba, que presentarán o seu primeiro traballo discográfico, Dones i Dons; e o grupo de música tradicional Alesancia. O domingo destacará, antes da clausura do Foro, a celebración dun mercado labrego na praza do Concello de Mondoñedo. Isabel Vilalba considerou o feito de que este evento se celebre en Mondoñedo como “unha importante oportunidade para o Sindicato Labrego Galego porque para nós son fundamentais as alianzas con outras organizacións sociais, non só agrarias, e coa cidadanía, para reforzar as nosas loitas”.

Isabel Vilalba e Jerónimo Aguado