A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. A ECVC leva o agro ás rúas de Bruxelas para orientar a investigación e innovación cara a un modelo agrícola que garanta unha alimentación sa, sostible e socialmente xusta

A ECVC leva o agro ás rúas de Bruxelas para orientar a investigación e innovación cara a un modelo agrícola que garanta unha alimentación sa, sostible e socialmente xusta

29 de Outubro do 2014

Ferme en ville

A Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) organiza hoxe, 29 de outubro, un interesante foro sobre pequenas explotacións baixo o nome “A granxa na cidade (Ferme en ville)”, en Bruxelas. Deste xeito, e durante a que promete se unha intensa xornada, a bruxelense praza de Luxemburgo converterase hoxe nun punto de encontro onde haberá un mercado de alimentos labregos, espazos para o debate e a libre expresión de ideas, proxección de vídeos, exposición de fotos e mesmo un concurso no que se degustarán a cegas alimentos producidos de xeito labrego fronte a outros de procedencia industrial.

Nun comunicado sobre esta xornada, a Coordinadora Europea da Vía Campesina explica que “a innovación é un proceso crave para o mantemento da pequena agricultura e para construír un modelo de produción agrícola e alimentaria socialmente xusto, sostible e san. Este modelo perdura no tempo e é viable, pero precisa un apoio claro a través das políticas. O futuro do medio rural reside no adecuado enfoque e na correcta solución aos problemas que afrontamos diariamente os labregos e as labregas a través de procedementos innovadores, que permitan o desenvolvemento dunha agricultura acorde coa súa contorna e co medio no que se desenvolve.
Por iso, a Coordinadora Europea Vía Campesiña celebra o seminario “Pequenas granxas e mellores sistemas alimentarios. Cal é o mellor xeito de integrar a estes actores da innovación local nas políticas e a investigación en Europa?”. O principal obxectivo deste foro é trazar as vías para que a investigación e as políticas de innovación poidan acompañar á necesaria innovación no medio rural -en estreita relación cos labregos e labregas, os consumidores e consumidoras e outros axentes da sociedade civil-, para unha alimentación máis local, sostible e de calidade, no marco da Política Agrícola Común (PAC). Para iso, contarase cun variado grupo de testemuñas de interese de labregos e labregas, de distintos ámbitos da sociedade civil, así como representantes das diferentes institucións europeas.
Unha vez que se constatou que o modelo de agricultura industrial e produtivista xera múltiples problemas dende o punto de vista medioambiental, social e de abandono do medio rural, debemos dar un paso adiante, de maneira que a investigación e os fondos asociados cambien nunha nova dirección.
Neste sentido, é crucial a participación da sociedade civil desde o primeiro momento en tódolos procesos de decisión: a innovación debe incluír, dun xeito claro, aos labregos e labregas e aos consumidores e consumidoras, para desenvolver unha agricultura e unha alimentación no marco da soberanía alimentaria. Os labregos e as labregas e a construción dun modelo de agricultura social, sostible e san deben estar no centro e ser obxectivo final da innovación e a investigación.
Algúns eidos relevantes nos que se vai traballar son, entre outros, a innovación en resposta ás demandas dos consumidores e consumidoras para o desenvolvemento de novos modelos de comercialización, especialmente en circuítos curtos de comercialización e venda directa; a innovación en modelos agroecolóxicos, mediante o desenvolvemento prácticas agrarias sostibles social, económica e medioambientalmente; ou no fomento de estratexias de innovación en recursos fitoxenéticos, afastándonos do erro de financiar o I+D+I en cultivos transxénicos, para centrarnos en actuacións de conservación in situ por labregos e labregas ou no fomento da investigación participativa en conservación, caracterización e uso de variedades locais de cultivo.
A Unión Europea debe apostar por unha investigación e innovación que posibilite e favoreza a agricultura dirixida á alimentación, co agricultor campesiño e o consumidor como alicerces, fronte a investigación e a innovación a favor dunha agricultura cuxo único obxectivo é o lucro e o negocio.

Ferme en ville