A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. Declaración final da XVIII Feira de Biodiversidade Agrícola

Declaración final da XVIII Feira de Biodiversidade Agrícola

15 de Septembro do 2017

Feira Sementes Tomiño

A pasada fin de semana, Tomiño acolleu a celebración da XVIII Feira de Biodiversidade Agrícola, un evento a nivel estatal organizado pola Rede Galega de Sementes e a Rede de Sementes "Resementando e Intercambiando".Despois de tres días de intercambio de saberes e sementes, as persoas e colectivos participantes acordaron unha declaración final que transcribimos íntegra polo seu interese. Vai de seguido:

Declaración XVIII Feira Estatal da Biodiversidade Agrícola

Nós, Rede de Sementes “Resementando e intercambiando”, Rede Galega de Sementes, outras redes de sementes, persoas produtoras, consumidoras, investigadoras e membros da sociedade civil organizada, chegados e chegadas de diferentes territorios do Estado español, reunidos e reunidas en Tomiño (Galiza), o 8 e o 9 de setembro de 2017, durante a XVIII Feira Estatal da Biodiversidade Agrícola:

Denunciamos que a erosión xenética chegou a niveis alarmantes, tal e como constataron numerosos organismos e institucións públicas, e que é preciso desenvolver, de maneira urxente, mecanismos que freen esta perda da biodiversidade cultivada, esencial para a agricultura e alimentación das xeracións futuras.

Pedimos que se promova a transmisión interxeracional do coñecemento labrego, e moi especialmente o relacionado co uso sostible da biodiversidade agrícola. Estes saberes son indispensables para evitar a degradación da cultura local nos seus aspectos produtivos, culinarios e gastronómicos, de usos da terra e de conformación de paisaxes.

Manifestamos o apoio aos bancos de sementes comunitarios como unha das pezas chave para a xestión colectiva da biodiversidade cultivada. Esas experiencias colaboran moi activamente na creación de biodivesidade inter e intravariegtal no actual contexto agrario, lamentablemente tan homoxéneo.

Opoñémonos ás patentes e aos transxénicos na agricultura e na alimentación, porque imposibilitan a soberanía e seguridade alimentaria dos nosos territorios. Para evitar os danos irreparables que pode provocar a contaminación de organismos modificados xeneticamente é urxente prohibir o uso de transxénicos na agricultura, na alimentación e no medio ambiente. Por iso esiximos ao Ministerio de Agricultura que erradiquen os cultivos transxénicos no Estado español.

Pensamos que na produción ecolóxica non debe permitirse o uso de variedades obtidas mediante técnicas de enxeñería xenética. O xenoma debe respectarse como entidade indivisible e debe evitarse a invasión técnica e/ou física no xenoma das plantas, a través da transmisión de ADN illado, ARN ou proteínas. Tamén debe respectarse a célula como entidade funcional indivisible e debe evitarse a invasión técnica e/ou física en células illadas nun medio de cultivo (por exemplo, mediante dixestión de parede celular ou destrución do núcleo celular mediante fusión citoplasmática).

Ademais, os sistemas agroecolóxicos deben potenciar a utilización de técnicas de multiplicación e selección que estean ao alcance dos labregos e das labregas e que fomenten a interacción das plantas en cultivo oc resto dos organismos presentes no sistema, como a selección masal, por pedigrí, forzada, método almácigo-espiga e cruces de proba. O resultado destes sistemas de mellora deben ser variedades reproducibles, sexual e vexetativamente, sen restricións.

Por último, instamos aos gobernos estatal, rexionais e locais a pór en marcha as políticas necesarias que fagan efectivos os dereitos dos labregos e das labregas a conservar, utilizar e comercializar sementes de variedades locais conservadas nas súas fincas, tal e como se expón na Lei 30/2006 de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos. Estes recursos xenéticos agrícolas deben poder formar parte dos seus medios de vida. Para iso, esiximos unha mudanza nas actuais normas xurídicas e nas políticas gobernamentais que consideramos inxustas e que afondan na dependencia e insalubridade dos sistemas agroalimentarios.

Tomiño, 10 de setembro de 2017

Encontro Sementes Tomiño