A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. X Congreso do SLG: Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro!

X Congreso do SLG: Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro!

10 de Decembro do 2021

X Congreso

O vindeiro domingo 12 de decembro o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebrará o seu X Congreso en Vilalba (Lugo) baixo o lema "Máis labregas, mellores alimentos. A vida das persoas e do planeta no centro".

No contexto derivado da pandemia, a importancia de garantir unha produción de alimentos de proximidade, baseados nun modelo respectuoso co medio ambiente e as persoas, e que garanta un medio rural vivo, subliñou máis se cabe a relevancia de continuar avanzando cara a consecución da soberanía alimentaria dos pobos e a agroecoloxía.

Neste X Congreso, o SLG reafirmará o seu compromiso de continuar traballando por construír unha alternativa que facilite abandonar as máximas que até o dagora guiaron as accións de moitos gobernos, centradas nunha política neoliberal para a que o único importante son os beneficios das grandes corporacións e o mercado mundial como grande obxectivo.

Dende o SLG reafirmámonos na denuncia de que a paulatina globalización do sistema agroalimentario está a secuestrar o control da poboación e dos gobernos sobre unha cuestión básica para a nosa supervivencia como é a alimentación, outorgándolles ás grandes multinacionais da distribución e da industria alimentaria unha posición de dominio absoluto na cadea de valor, e a conseguinte supeditación do dereito á alimentación aos seus intereses económicos.

Ademais, segundo os informes elaborados por organismos internacionais como a ONU ou a OMS, o debilitamento do modelo de produción labrego a través da intensificación do modelo agroindustrial, depredador de recursos naturais e acaparador da Natureza, está a destruír a biodiversidade e alterando os propios equilibrios naturais, propiciando a aparición de virus con orixe animal que contaxian aos seres humanos a través do proceso de zoonose, como a que orixinou a pandemia do Coronavirus e outras crises recentes, como a Gripe Aviar (virus H5N1 ) ou a Gripe Porcina (H1N1).

Canda os perxuicios para a saúde vinculados á imposición do modelo agroindustrial, atopámonos ademais fronte a un fortísimo ataque de acaparamento de terras no medio rural. Co pretexto de avanzar cara a produción de enerxías renovables (que cada vez distan máis de poderen ser consideradas “limpas”, á vista dos efectos negativos da súa intensificación), a invasión eólica dos montes e terras agrarias, que se vén a sumar á multitude de proxectos mineiros que planificados na Galiza, pon de relevo que a protección do noso territorio fronte ao espolio das empresas enerxéticas depende directamente de que haxa persoas habitando o territorio, é dicir, un modelo labrego de produción de alimentos, con multitude de granxas que dinamicen as economías locais e garantan o coidado e a vida da nosa terra.

O X Congreso do SLG-CCLL terá lugar nun momento de grandes retos mundiais a nivel estrutural. As carencias e desigualdades no acceso á enerxía, a falta de combustíbeis fósiles e o cambio climático obrígannos como sociedade a priorizar as cuestións verdadeiramente esenciais: o coidado da vida das persoas e do planeta. O Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas reafirmará este vindeiro domingo 12 de decembro o seu compromiso pola transformación social e a consecución de modelos produtivos que sitúen a Vida no centro.