A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. O SLG continúa na loita contra as patentes. Non á "monsantorización" das plantas e os animais de granxa

O SLG continúa na loita contra as patentes. Non á "monsantorización" das plantas e os animais de granxa

19 de Xaneiro do 2010

non ás patentes

O Sindicato Labrego Galego asinou onte o Manifesto Global contra as patentes sobre sementes e animais convencionais, en apoio á campaña mundial na contra das patentes e da privatización da alimentación.

Dende hai anos vimos denunciando estas manobras e a nosa fonda preocupación diante da crecente monopolización de sementes e animais de granxa mediante patentes.

 A perda da nosa independencia e o crecente endebedamento das labregas e labregos, canda a diminución da diversidade vexetal e animal e as cada vez maiores restricións ás actividades de cultivo, cría e investigación son algúns dos impactos máis preocupantes desta tendencia.

Mais a pesares destas experiencias alarmantes aínda non existen medidas legais para deter esta tendencia.

Ao contrario, un estudo recente sobre solicitudes presentadas ante a Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI), amosa que as grandes empresas internacionais de sementes seguen tentando impoñer as súas reivindicacións de monopolio sen atender en absoluto ás consecuencias para a seguridade alimentaria global e o sustento dos labregos e labregas do mundo enteiro.

Isto resulta obvio ao analizar as máis recentes solicitudes de patente, presentadas polas tres empresas globais de sementes máis grandes Monsanto (EE.UU.), Dupont (EE.UU.) e Syngenta (Suíza).

Estas solicitudes amosan a tendencia crecente a esixir dereitos de propiedade exclusivos non soamente sobre plantas e animais modificados xeneticamente, senón tamén sobre a biodiversidade existente e os métodos de cultivo e de crianza tradicionais.

Mentres que nos anos anteriores ao 2005 presentáronse somentes algunhas poucas patentes desta índole, máis do 30% das solicitudes de patentes de Monsanto presentadas entre o 2005 e o 2009 incluíron métodos de cultivo convencionais.

Esta tendencia tamén se pode observar noutras grandes empresas de sementes. O seu obxectivo é bloquear o acceso aos recursos xenéticos e á tecnoloxía e crear unha nova dependencia para os labregos e labregas do planeta.

As regulacións sobre patentes da UE, os EE.UU. e moitos outros países, así como tamén os chamados Acordos Trips da OMC, deben ser revisados con urxencia para poñer couto á monopolización e ao control empresarial dos recursos xenéticos do mundo.

Esta revisión debería conducir a unha regulación que garanta o dereito á alimentación e a prohibición de patentes sobre plantas e animais da granxa. Esta clase de patentes son a columna vertebral dunha estratexia para asumir o control global sobre a produción alimentaria a todos os niveis.

O SLG, súmase ao chamamento aos gobernos e ás oficinas de patentes para poñer couto a este desenvolvemento preocupante e para que sexan revisadas as regulacións sobre patentes existentes.

En tan só catro anos, entre o 2005 e o 2009, Monsanto presentou case 150 solicitudes de patentes sobre cultivo de plantas ante a OMPI. Durante o mesmo período, Dupont presentou ao redor de 170 solicitudes de patentes sobre cultivos, o 25% delas implicaron métodos de cultivo convencionais. Syngenta presentou unhas 60 solicitudes, o 50% delas centradas en cultivos tradicionais.

Entre as grandes empresas de sementes, Monsanto é a única que tamén presenta patentes sobre animais de granxa. Dende o 2005, ao redor de 20 patentes sobre métodos de cría foron presentadas pola empresa estadounidense.

De seguido abordaremos exemplos que amosan até que extremo estanse a levar algunhas solicitudes de patentes. Moitas das reivindicacións presentadas nestas solicitudes somentes poden ser descritas como absurdas, consecuencia dunha regulación sobre patentes totalmente deficiente:

- Na solicitude de patente de Monsanto WO2008021413, 'a patente que monsantoriza o millo e a soia', reivindícanse métodos que se utilizan amplamente no cultivo e a cría convencional. En máis de 1000 páxinas e a través de 175 reivindicacións, Monsanto reivindica varias secuencias de xenes e variacións xenéticas, especialmente en soia e millo.

Monsanto mesmo vai tan lonxe e esixe explicitamente todas as plantas relevantes de millo e soia que conteñen eses elementos xenéticos. Ademais lístanse todas as utilizacións en alimentos, pensos e biomasa. A través da presentación de solicitudes rexionais específicas, Monsanto mostra un interese especial en solicitar esta patente en Europa, Arxentina e Canadá.

- Na solicitude de patente WO 2009011847, 'a patente que monsantoriza a carne e o leite', Monsanto reivindica amplamente os métodos de cría de gando, os animais, así como tamén "o leite, o queixo, a manteiga e a carne ".

- Outras empresas tamén están a presentar de forma agresiva solicitudes sobre recursos xenéticos, necesarios para a produción de alimentos e pensos. Un exemplo é a solicitude de patente WO2008087208, “a patente de Syngenta sobre a colleita de millo'', que se concentra nas condicións xenéticas do millo para a produción de grans. Syngenta reivindica as plantas e mesmo a súa colleita.

- Varias patentes similares xa foron concedidas, como a patente sobre o cultivo de soia, como a WO 98/45448, 'a patente de Dupont, sobre tofu'', outorgada en Australia, Europa e os EE.UU. que abrangue a salsa de soia, o tofu, o leite de soia e un preparado para biberón desta soia. Esta patente (ou patentes da mesma familia) tamén foi presentada para o Brasil, Canadá, China, Xapón, Noruega e Nova Zelandia.

 

Non obstante, a resistencia a estas estratexias privatizadoras da produción de alimentos está a aumentar. No 2007, as organizacións de agricultores e as ONG do mundo enteiro crearon a plataforma global Non ás patentes sobre sementes. (http://www.no-patents-on-seeds.org).

No 2008, centos de cartas foron enviados á Oficina Europea de Patentes (OEP) no 'caso da patente sobre brócoli', EP 1069819, o constituíndo un precedente.

No 2009, miles de agricultores/as e cidadás/ns, ONG e mesmo autoridades gobernamentais presentaron unha oposición á 'patente europea sobre a cría de porcos ', EP 1651777, unha patente solicitada por Monsanto no 2004.

O Sindciato Labrego Galego, canda as persoas, organizacións e institucións que asinamos3 o Manifesto Global contra as patentes sobre sementes e animais convencionais instamos aos políticos/as e ás oficinas de patentes do mundo enteiro a asegurar que as patentes como as arriba mencionadas non poidan ser e non sexan outorgadas.

Precisamos dun cambio radical tanto na lexislación sobre patentes como tamén na práctica das oficinas de patentes para eliminar as patentes sobre plantas e animais de granxa.

Non se debe permitir que as empresas continúen usando mal e monopolizando as sementes, plantas e animais de granxa por medio da lei de patentes.

No caso contrario, estas patentes converteranse nun perigo maior para a seguridade alimentaria e para a soberanía alimentaria rexional.

O manifesto asinado será entregado aos gobernos e ás oficinas de patentes o 26 de marzo de 2010 .

Non ás Patentes sobre Sementes.

herba

http://www.no-patents-on-seeds.org/

Arquivo para descarregar: Manifesto Global contra as patentes sobre sementes e animais convencionais

Ficheiro adxunto