A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Soberanía Alimentaria>
  4. Amarante e Sindicato Labrego celebraron en Teo, Ribadeo e Pontevedra o Dia Internacional do Comercio Xusto

Amarante e Sindicato Labrego celebraron en Teo, Ribadeo e Pontevedra o Dia Internacional do Comercio Xusto

9 de Maio do 2013

Comercio xusto

Co lema “Mulleres na defensa do comercio xusto no Norte e no Sur”, o Sindicato Labrego Galego e Amarante Setem celebrou, o 11 de maio, o Día Internacional do Comercio Xusto en Ribadeo, Teo e Pontevedra coa intención de facer visible o traballo feito polas mulleres na loita pola igualdade e en defensa dun comercio xusto.

Ribadeo

En Ribadeo, coa colaboración do grupo de consumo As Grelas, desenvolveuse un mercado transparente na praza de Abastos, de 10:30 a 14:00 horas. Asemade, houbo unha mesa redonda baixo o título "Consumindo confianza. Encontro de grupos de consumo responsábel”, a cargo de As Grelas, Karrikanta e A Casa Azul.

Nesta ocasión, aproveitouse esta celebración para homenaxear aos miles de vítimas que, cada ano, morren en accidentes laborais en todo o mundo no sector da confección, cunha lembranza especial para as máis de mil persoas que finaron no derrubamento da fábrica téxtil Rana Praza, en Bangladesh, sendo a maioría mulleres. Por iso, aproveitando a xornada de comercio xusto, fíxose unha acción na rúa con candeas en memoria das vítimas.

Teo

O mercado do alimento labrego dos Tilos, en Teo, foi o lugar elixido para celebrar, na comarca de Compostela, o Día Internacional do Comercio Xusto, actividade que organizaron o Sindicato Labrego Galego e Amarante Setem cun posto de comercio transparente onde se puideron atopar produtos de todo o mundo pagados a un prezo digno aos produtores e produtoras que os cultivan ou elaboran.

A elección do mercado do alimento labrego fíxose por ser esta actividade unha das mellores expresións que se dan na bisbarra compostelá do que deberían ser unhas relacións de compravenda dos alimentos dignas e xustas baseadas no principio da soberanía alimentaria: labregos e labregas que venden directamente os alimentos que producen a quen van consumilos, establecendo non só relacións comerciais coa clientela, senón tamén humanas e de mutua confianza.

E é que a reivindicación dun comercio xusto baseado na soberanía alimentaria é unha demanda común para os labregos e labregas do norte e do sur. Non importa a situación xeográfica: en todos os países do mundo rexe unha lóxica capitalista do comercio tendente a que as grandes distribuidoras e industrias acaparen, paseniño, a venda e produción alimentaria, maximizando os beneficios para o seu propio lucro a expensas do traballo e das rendas dos labregos e das labregas, e do peto e saúde das persoas que consumen eses alimentos.

O mercado do alimento labrego de Teo é, polo tanto, unha experiencia máis que busca rachar con este circuíto comercial baseado na inxustiza, establecendo unha relación directa entre labregos e labregas e cidadanía; buscando unhas relacións entrambos máis dignas, xustas e humanas; e poñendo en práctica o principio da soberanía alimentaria, que se basea no dereito dos produtores e produtoras de alimentos dun pobo (agricultura, gandería, pesca...) a fornecer de hortalizas, froitas, conservas, viños, licores, leite, carnes, peixes, etc. á súa cidadanía.

Dende este punto de vista, dende o Sindicato Labrego nos congratulamos de que o mercado de alimento labrego de Teo está a piques de cumprir o seu primeiro aniversario, efeméride que os seus organizadores -SLG e concello de Teo- celebrarán o vindeiro 11 de xuño cunha festa na que, ademais dos postos de venda de produtos de tempada, haberá tamén artesanía e unha taberna onde se servirán viño e petiscos a un prezo simbólico, desta vez baixo o lema “Un ano construíndo soberanía alimentaria”.

Pontevedra

En Pontevedra, os actos duraron todo o día, de 11:00 a 19:00 horas, e tiveron como centro a praza da Ferrería. Como en Ribadeo, fíxose unha homenaxe con candeas ás vítimas de Bangladesh coa colaboración da Cooperativa A Gradicela. O día anterior, o venres 10 de maio, houbo unha degustación de doces elaborados con produtos do comercio xusto por activistas de Amarante e estudiantes de Hostalería do CIFP Carlos Oroza. Finalmente, o 18 de maio, levarase a cabo unha campaña nas cafetarías e restaurantes de Pontevedra para promover o café do comercio xusto.

Día do comercio xusto